Romper cos moldes do pasado

Romper cos moldes do pasado
24 de Maio, 2020 - 10:10 h. | Publicada por Radio Culleredo

O empeño en romper os modelos do pasado ou esvaecelos todo o posíbel é clave para entender o éxito electoral da nova ultradereita ou pos-fascismo. O profesor Enrique Ucelay da Cal alertou en contra da tendencia a considerar á ideoloxía fascista como algo netamente constituído, acabado, homoxéneo. "Nada como a ideoloxía fascista se asemella  máis a un camaleón". Ademais o fascismo pode ser unha opción pasaxeira para un movemento que a adopta de xeito transitorio e con intensidades diversas.

Marcha motorizada de Vox. A Coruña, 25 de maio de 2020

A partir desas puntualizacións, o profesor Francisco Veiga define ao fascismo pola autoafirmación do sentimento patriótico excluíndo ás restantes formacións políticas e ao resto dos sectores da poboación, a clara tendencia ao militarismo con solucións autoritarias na loita política e a necesidade de destruír a un hipotético inimigo interior. 
Na definición do inimigo incorren en contradicións que pretenden axiña ocultar. Así a Liga Norte primeiro definiu como inimigos aos italianos do Sur e a "Roma ladroa" pero no momento en que quixo estenderse por todo o pais alpino pasou a situar a diana nos inmigrantes africanos. Para os calvinistas lombardos os traballadores do Sur sempre foran vagos, pero iso pasou a un segundo plano por comenencias do momento. 
Non escapa a táctica política destas formacións a típica narración de dereitas que indica que todos os políticos son iguais, negan o conflito social ou o atribúen a forzas externas á nación e ao interese xeral. 
Como na Europa do Este, utilizan un activismo agresivo que roza a gamberrada política e berran como Berlusconi: "Moderados, non vos avergoñedes de ser de dereitas". A nova ultradereita está en auxe en todo o mundo desde o 2010 e utiliza con mestría as redes sociais para expandirse e lograr unha presencia nos medios de comunicación moi superior á que lle correspondería pola súa penetración social. No caso de Vox, usan tácticas xa empregadas con éxito polos neonazis de Alternativa por Alemania, a ultradereita en Ucraína ou a neofascista Liga Norte. Conectan con sentimentos existentes en certos segmentos da poboación (liberdade contra o confinamento, queren matar aos xubilados para aforrar as pensións, ...) incentivando con agresividade e con mensaxes provocadoras esas tendencias. Combinan sen escrúpulos o anticatalanismo (e tamén antivasquismo e antigaleguismo) co medo ao inmigrante procedente de África. É a treboada perfecta, porque o tema "xera audiencia", tanto en medios de comunicación de dereitas como naqueles que se auto cualifican como de esquerdas.  

BERNABE, DANIEL La trampa de la diversidad. Madrid 2018.
RODRIGUEZ, DAVID. O canastro sen tornarratos. Vigo. 2018
UCELAY DA CAL ENRIQUE. "Fascismo y nacionalismo en Catalunya 1919-1936. Conferencia pronunciada na Universidade de Barcelona o 26 de outubro de 1984.
VEIGA, FRANCISCO e outros. Patriotas indignados. Alianza Editorial 2019.

Sociedade

Publica o teu comentario agora