Rosalía pasea Galicia collida da man de Larraitz Urruzola

Rosalía pasea Galicia collida da man de Larraitz Urruzola

05 de Marzo, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O espectáculo 'A viaxe de Rosalía' estréase esta fin de semana no programa FalaRedes con dúas visitas á comarca de Ordes. Trátase dunha peza de monicreques e música guiada pola actriz Larraitz Urruzola. A primeira parada será o sábado 5 de marzo no Concello de Frades que, coa programación desta peza, quer

'A viaxe de Rosalía' é a segunda das actividades en marcha no marco do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes 2016'. A proposta combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, uns fermosísimos monicreques de mesa e música para mostrarnos a vida e a personalidade da nosa autora máis universal, Rosalía de Castro.

Este coidado espectáculo achega a Rosalía feminista, culta, valente e comprometida que ás veces a súa propia lenda ocultou. É Francisca do Campo, madriña de Rosalía, a personaxe que nos guía a través da traxectoria vital e artística de quen xa é un símbolo da cultura e da lingua galegas.

Dun xeito ameno e didáctico, esta peza, escrita e dirixida por Lucho Penabade e desenvolvida baixo xestión de Larraitz Producións Artísticas, cóntanos como aquela meniña algareira que Francisca coidou foise convertendo pouco a pouco na escritora que deixou unha pegada imborrable pola súa calidade literaria.

Trece representacións

A Casa Habanera, no concello de Guitiriz, acollerá o seguinte sábado 12 de marzo, ás 18:00, unha nova parada deste espectáculo. Esa mesma fin de semana, os monicreques de Larraitz Producións estarán o domingo 13 no Auditorio Municipal de Mondariz ás 18:00 horas.

Nas vindeiras semanas, a peza viaxará durante os meses de marzo, abril e maio por outros nove concellos, para se despedir no Auditorio Municipal do Rosal cunha función o próximo 7 de maio ás 18:30 horas. Ata esa data, o espectáculo 'A viaxe de Rosalía' ten programada a súa presenza nos concellos da Lama, Curtis, Mondoñedo, Padrón, Pontedeume, Ponteareas, Santa Comba e Vilamarín. O calendario completo está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.

Cultura