Rosalía sempre viva. Viva Rosalía

Rosalía sempre viva. Viva Rosalía

30 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri; o vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar, e o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, inauguran a exposición “Rosalía sempre viva. Viva Rosalía”, ás 8 da tarde, no Centro Cultural Carvalho Calero. A mostra conmemora o 125 cabodano da escritora.

“Rosalía sempre viva. Viva Rosalía” amosanos a unha Rosalía culta, revolucionaria, feminista e universal, fundadora da literatura galega contemporánea e unha verdadeira precursora na defensa dos dereitos das mulleres na súa época. Aspectos todos estes que se poñen de manifesto nesta exposición que pretende divulgar na sociedade a verdadeira dimensión da escritora, considerada todo un símbolo do seu tempo.

Compóñena un total de vinte paneis de formato moderno e textos que repasan os aspectos mais relevantes da autora, acompañados de recursos audiovisuais que permiten ao público interactuar. Está comisariada polo filólogo Diego Pardo Amado e amosouse xa en numerosos concellos da Provincia da Coruña. Tras a súa estadía en Ferrol poderase ver en Santiago de Compostela e na Coruña. O horario de visitas será de luns a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

Sociedade