A ruada de Queremos Galego por Ferrol

A ruada de Queremos Galego por Ferrol

07 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Con cancións alusivas á situación do idioma galego, a plataforma Queremos Galego organiza para mañá xoves unha ruada polo centro de Ferrol. Sairán ás sete da tarde da Praza de Armas e queren chamar a atención da cidadanía para lograr unha participación masiva na manifestación convocada para o domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.

Na mañá de hoxe a sede do Ateneo Ferrolán acolleu unha nova conferencia de imprensa da plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO na comarca para informar da ruada musical en defensa da lingua que terá lugar mañá a partir das 19 horas por diferentes rúas do centro da cidade departamental, con saída da Praza de Armas, frente ao Palacio municipal.

Os portavoces da platataforma QUEREMOS GALEGO en Ferrolterra explicaron que o acto de mañá ten unha importante componente “lúdica e festiva”, aínda que tamén reivindicativa, e está ideado para promover unha masiva participación na manifestación en defensa da lingua propia do país convocada para o próximo domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.

Durante o percorrido deste particular cortexo musical cantaranse algunhas pezas con letras alusivas á “situación lingüística do país” e mais á “destrutiva” política que o actual goberno da Xunta está a aplicar no ámbito da lingua ou da cultura, con medidas como a supresión das galescolas, a eliminación do artigo 35 da Lei da Función Pública, a retirada das axudas á tradución de libros ou a decisión de non repetir a celebración da Feira das Industrias Culturais Culturgal, para alén da derrogación do decreto 124/07 de uso do galego no ensino non universitario.

Por outra parte, a comisión xestora comarcal de QUEREMOS GALEGO acordou dirixirse, a través dos seus portavoces, a todos os concellos de Ferrolterra “independentemente da súa cor política” para proporlles a súa colaboración coas iniciativas da plataforma cívica e, nomeadamente, para facilitaren a asistencia á manifestación do 18 de outubro a todas as veciñas e veciños interesados en asistiren, dispondo autobuses gratuítos.

Polo momento, os concellos de Narón, Fene e San Sadurniño xa responderon favorabelmente ao pedimento, á agarda do resultado dos encontros que se vaian producindo nos próximos días coas outras corporacións.

Sociedade