Sés pechará o programa de Rosalía, sempre viva

Sés pechará o programa de Rosalía, sempre viva

20 de Febreiro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A obra de Rosalía de Castro centra un amplo programa de actividades impulsado pola Deputación de Lugo arredor da data do vintecatro de febreiro. Conmemorase así o nacemento desta escritora fundamental das nosas letras.

Baixo o nome de “Rosalía sempre viva” esta programación comezará o vindeiro luns, 22 de febreiro, na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo, coa inauguración da exposición “Airiños, aires…Rosalía” do fotógrafo Xurxo Lobato e en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Continuará o mércores 24 de febreiro cun acto público organizado pola Asociación de Escritores e Escritoras en lingua galega (AELG), que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación, e que terá lugar ás 12:30 horas no Centro ocupacional de ASPNAIS en Lugo, contando co acompañamento musical de Branca Villares e Pablo Pintor. Este mesmo día 24 ás 20 horas na Capela de Santa María terá lugar a inauguración da reedición da exposición “Imaxinando Cantares Gallegos”, co acompañamento musical de Solo Voces.

A programación continuará nos vindeiros días co espectáculo para público familiar “A viaxe de Rosalía” da titiriteira Larraitz Urrusola, que terá lugar na Sala de Exposicións da Deputación a partir das 17:30 horas. O venres 4 de marzo será o turno de Solo Voces, cun concerto na Capela de Santa María a partir das 20 horas baixo o nome “Eu cantar, cantar, cantei…a Rosalía”. Continuará a programación o mércores 9 de marzo, co obradoiro infantil “A lanterna máxica Rosaliana” de 17:30 a 19:30 horas na Sala de Exposicións da Deputación. Este obradoiro precisa de inscrición previa no teléfono 982-260-180 ou no e-mail ana.culturaedeporte@deputacionlugo.org. Pechará esta programación a cantante Sés, cun concerto en acústico na Capela de Santa María o venres 18 de marzo, a partir das 20 horas.

Esta programación será completada con obradoiros infantís tanto na Rede Museística, cunha programación específica baixo o nome de “Follas novas, novas follas” (máis información en www.redemuseisticalugo.org, como no CENTRAD, onde haberá obradoiros infantís o sábado 5 e 12 de marzo, baixo o nome “Ilustrando a Rosalía” (máis información en www.centrad.org)

Sociedade