Só A Coruña e Allariz, cooperan en serio

Só A Coruña e Allariz, cooperan en serio

23 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Os Concellos de A Coruña e Allariz son os únicos de Galicia que adican máis do 0,1% do seu orzamento a cooperación e solidaridade. Afirmouno así o director do IGADI Xulio Rios, no acto de presentación do Infome Zero sobre o esforzo que realizan as institucións para promover o desenvolvemento. Segundo esas fontes no ano 2006 a media do orzamento dedicado a eses menesteres situouse no 0,045% nos concellos galegos.

Esta mañá foi presentado no Club Internacional de Prensa de Santiago de Compostela o “Informe Zero, sobre a cooperación municipalista en Galicia”, elaborado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e financiado por esta entidade e máis a Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia.

 

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que actualmente engloba a 103 Concellos e ás 4 Deputacións de Galicia. Foi fundado en 1997 como un mecanismo para consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galegos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

 

Alfredo Novoa, presidente do Fondo Galego, salientaba a importancia do relatorio, na medida en que se trata “da primeira diagnose completa da situación da cooperación para o desenvolvemento realizada desde as entidades locais galegas” constituíndo, por iso, “unha referencia fundamental para avaliar o que se ten feito ata agora e o que se debe facer no futuro”. Resaltaba, ademais, que o Informe Zero, “vén a ratificar a necesidade e importancia do Fondo Galego, como rede municipalista potenciadora de consensos e sinerxías en materia de cooperación. A xestión individualizada da cooperación daría lugar a unha multiplicidade de proxectos, demasiado espallados do punto de vista sectorial e xeográfico e, conseguintemente, sen impacto real na situación dos países do Sur”.

 

Ademais de Alfredo Novoa, na presentación participaba tamén Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), entidade que promoveu a creación da asociación en 1997 e que desenvolve a función de Secretaría Técnica desde entón. Xulio Ríos, que participou na elaboración do relatorio, recalcaba a escasa dimensión que, pese a ter habido avances, continúa a representar a cooperación municipalista galega; “O compromiso do 0,7% do orzamento continúa demasiado lonxe. No 2006 a media do orzamento dedicado a cooperación polos concellos galegos foi do 0,045%. Nese mesmo ano, só dous concellos galegos superaron o 0,1%: A Coruña, co 0,106% e Allariz, co 0,22%”. Do seu punto de vista, este baixo nivel de achegas dos poderes locais galegos “non está a acompañar os desenvolvementos que se observan noutros territorios e niveis gobernamentais de España e do mundo e, peor aínda, tampouco acompaña a crecente sensibilidade cidadá en relación á importancia de paliar os desequilibrios entre os países do norte e do sur”.

 

O Informe Zero salienta a importancia de cooperar aquí, entre nós mesmos, para garantir a máxima calidade e eficiencia da cooperación ao desenvolvemento impulsada dende o poder local galego.

Institucional