Só se recicla un de cada catro envases

Só se recicla un de cada catro envases
09 de Marzo, 2021 - 11:20 h. | Publicada por Radio Fene

Ecoembes vive un mal momento reputacional. Tras décadas contando co apoio de institucións públicas e medios de comunicación, diferentes estudos puxeron a esta organización no punto de mira da opinión pública. Afirman que esta empresa só recicla un de cada catro envases que recolle nos seus colectores. A última en facelo foi a fundación internacional Changing Markets, que no seu informe "Quen sae gañando coa crise do plástico en España?", revela a estratexia de Ecoembes e detalla o interese da industria  para non mellorar a xestión de residuos en España e o beneficio que obteñen dun modelo de negocios que se lucra da xeración de residuos. Estudos concretos apuntan a que Ecoembes só recicla un de cada catro envases que recolle. Moi lonxe do 75% do que falan eles, segundo Margarita Rodríguez de 4 Eco Narón.

ESCOITA O PODCAST:
Margarita Rodriguez, de 4Eco Narón

O Sistema de Depósito, Devolución e Retorno a gran aposta de organizacións ecoloxistas como Greenpeace, Amigos da Terra ou Ecoloxistas en Acción. Francia e Portugal xa o puxeron en marcha. A través deste sistema que conviviría co actual, os usuarios terían a oportunidade de devolver os envases utilizando máquinas colocadas en supermercados e outros lugares, e recibirían a cambio unha pequena cantidade económica. Aseguramos así que ese envase vai volver á liña de produción. Os seus defensores argumentan que a incorporación deste modelo é a única forma de involucrar á cidadanía e animar ás empresas a producir menos envases dun só uso, dous puntos esenciais para conseguir as ambiciosas metas que establece a Directiva europea de Plásticos dun Só Uso, que obriga aos países europeos a colectar nove de cada dez botellas de plástico para 2029. En Alemaña xa o puxeron en práctica, pagan 10 céntimos por cada envase de refrescos ou de cervexa devolto e é moi difícil de atopar ese tipo de residuos en calquera cidade ou zona rural.

Sociedade

Publica o teu comentario agora