Saídas polo litoral

Saídas polo litoral
01 de Agosto, 2022 - 10:16 h. | Publicada por Radio Fene

O Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas (CIMM) vén de programar as saídas interpretativas que realizará durante o mes de agosto, e que inclúen catro saídas en barco e tres a pé polo litoral de Cabanas. As saídas en barco están programadas para os días 6, 7 e 8 de agosto en horario de mañá, así como para o día 13 de agosto en horario de tarde. Nas dúas primeiras percorrerase a costa de Cabanas, chegando até a vila de Redes, para coñecer a riqueza litoral e os cambios na paisaxe da ría, mentres que as do 8 e 13 de agosto serán polo treito marítimo da desembocadura do río Eume, visitando o esteiro do río e chegando até o centro de interpretación do Parque Natural.

Por outra banda, os percorridos a pé serán os días 6, 12 e 27 de agosto. Os días 6 e 27 de agosto realizarase unha saída por Pico Castro, un roteiro duns 7 quilómetros que percorre varios puntos de grande valor paisaxístico, incluíndo a visita a Pico Castro para observar boa parte do Golfo Ártabro desde o alto. Ambas saídas partirán do CIMM ás 9.30 horas.

O 12 de agosto está previsto realización da saída interpretativa polo esteiro do Eume, cun percorrido duns 7 quilómetros que permitirá descubrir a zona intermareal e a flora e fauna asociada ao último tramo do río e do Parque Natural das Fragas do Eume. Esta saída partirá ás 17.00h do CIMM.

“As saídas interpretativas que estamos organizando desde o CIMM están a ter moito éxito entre a veciñanza e visitantes, xa que permiten coñecer o noso entorno desde diferentes puntos de vista” sinalou o tenente alcalde e responsable do proxecto, Iago Varela.

Para participar en calquera destas actividades é preciso inscribirse previamente, cubrindo o formulario online dispoñíbel nas webs cabanas.gal e cimmcabanas.gal, enviando os datos (nome completo, DNI, teléfono de contacto) ao correo electrónico cimm@cimmcabanas.gal ou a través do teléfono 674 357 478.

Estas actividades forman parte dos proxectos do CIMM e Cabanas Mar, impulsados pola área de medio ambiente do Concello de Cabanas, e contan con financiamento de fondos FEMP a través do GALP Golfo Ártabro Norte.

Institucional

Publica o teu comentario agora