Sabedores, sans e rendibles

Sabedores, sans e rendibles
22 de Marzo, 2019 - 08:46 h. | Publicada por Radio Culleredo

O mexillón tívose por marisco cativo. Atopábase todo canto se quería pero non se comía crú como os berberechos. Pero coa chegada das bateas fíxose o rei das rías. As primeiras bateas colocáronse na ría de Arousa en 1946. Nas rías galegas prodúcese a metade dos mexillóns do mundo. Son uns bivalvos sabedores, sans e rendibles que conteñen proteínas e vitaminas a moreas. Temos en Galicia unhas 3.500 bateas que producen arredor de 18.000 millóns de mexillóns cada ano.

Mexillóns no mercado de abastos da praza de Lugo da Coruña

Os mexillóns pódense comer despois de poñer unha pota ao lume cun pouco de auga. Abren e admiten unhas pingas de limón, un ar de pementa, pirixel picado ou sen nada. Pódense servir tamén en salpicón, en tortilla, con arroz, guisados, en empanada e mil modas máis. Quizais os mexillóns teñan un único problema: son baratos e por iso non lle damos valor, nin os apreciamos todo o que merecen. Inclue moitas receitas de mexillóns o libro de Fausto Galdo “Abecedario das mantenzas”.

 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora