Sabemos e queremos construir barcos

Sabemos e queremos construir barcos

13 de Decembro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo unha continua choiva máis de dúas mil persoas enlazaron de xeito simbólico a ponte das Pías para reclamar futuro para o sector naval e medidas que palien as elevadas taxas de desemprego na comarca de Ferrol. "Amarra o teu futuro" foi lema da cadea humana convocada pola Confederación Intersindical Galega.

Os manifestantes concentráronse ás doce do mediodía nos dous extremos da ponte que vía cortada a circulación en sentido Ferrol - Fene. Un home disfrazado de Papá Noel, tamén se sumou á protesta cun caxato "para darlle unhas losqueadas aos políticos que non se preocupan da zona" afirmou. Desde Ferrol e desde Fene foron avanzando as columnas con dúas siluetas de barcos que se uniron no medio da ponte, mentres os manifestantes soltaban ao ar globos azuis e brancos. O voceiro nacional do BNG Xavier Vence, os parlamentarios do Bloque Francisco Jorquera, Carme Adan e Rosana Pérez, ademais da vicevoceira de AGE Yolanda Díaz, a europarlamentaria Lidia Senra e o deputado desta formación Antón Sánchez participaron na protesta.

A taxa de paro en Ferrolterra segue desbocada e supera o 33% igualándonos ás rexións máis depauperadas de Europa. A finais deste mes finaliza o veto imposto pola Unión Europea para que a antiga Astano acceda ao mercado da construción naval civil e polo momento, non se coñece o Plan Industrial desas instalacións.

A empresa Astilleros y Talleres del Noroeste (ASTANO) instalouse en Perlío en 1941 aproveitando as instalacións do estaleiro de Ramón Aguilar que funcionaba na zona desde a primeira década do século. Din que hai que superar o monocultivo, pero a reconversión de 1985 deixounos sen o mono e sen o cultivo. Falaba así un membro do comité de empresa de Astano daquela época. Os sucesivos plans de re-industrialización foron un auténtico fiasco. As pequenas empresas que se montaron fecharon as súas portas aos poucos. As decisións políticas obrigaron tamén a abandonar o off-shore un terreo con futuro e donde Astano amosara un nivel técnico e unha especialización equiparable aos mellores estaleiros do mundo.

Sociedade