Salvar a vida

Salvar a vida
28 de Outubro, 2022 - 10:02 h. | Publicada por Radio Fene

Vintesete republicanos da comarca salvaron a vida fuxindo a Francia desde Ares ao pouco de rematar a guerra civil. Alcaldes e concelleiros, sindicalistas, obreiros, labregos, mariños de guerra e un garda civil. De distintas ideoloxías e procedentes de Fene, Ferrol, Narón, Ares e Mugardos. Levaban tempo vivindo agochados grazas á complicidade de familiares e amigos. Para escapar da represión franquista embarcaron o bou Ramón o 21 de xullo de 1939.De noite e disfrazados como narrou na Fenestra de Radio Fene Fernando Ocampo.

ESCOITA O PODCAST:

Unha historia de solidariedade e dignidade. De loita pola vida, na que as mulleres xogan un papel fundamental. Elas déronlles protección e transmitiron a información necesaria para poder organizar a fuga. Un dos fuxidos, Cipriano Casteleiro Feal, era de Barallobre. Cabo da Mariña logrou escapar no bou Ramón logo que fracasar nun intento anterior, en maio, cando non puido subir a outros barcos que saíron de Ferrol con once persoas. Cipriano Casteleiro, unha vez xubilado, volveu para Barallobre, pero antes a súa vida pasou por múltiples vicisitudes. Esta loita pola vida e pola liberdade protagoniza unha exposición fotográfica instalada, ata o 10 de novembro, na Biblioteca de Narón. tamén se proxecta un documental e haberá visitas guiadas, os días 27 de outubro e o 2 e 9 de novembro. Os tres días ás seis da tarde. Quen prefira vela pola súa conta, o horario é de cinco a oito da tarde de luns a venres e os sábados pola mañá, entre as 10 e a unha. Organiza a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática coa colaboración do Concello de Narón. A fuxida do bou Ramón é o título dun libro ilustrado con debuxos de Fernando Ocampo que escribiron Enrique Barrera e Eliseo Fernández. 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora