San Martiño de Calvos xa ten local social

San Martiño de Calvos xa ten local social

20 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Concello de Arzúa porá a disposición dos veciños de San Martiño de Calvos o local social parroquial, unha vez que as obras de rehabilitación xa están rematadas.Trátase dun local de pedra perfectamente acondicionado que os veciños poderán empregar para o desenvolvemento de todas as actividades que programen ao longo do ano.

O goberno de Arzúa investiu no inmoble preto de 120.000 euros; o proxecto completo de acondicionamento desenvolveuse en dúas fases, nas que se contemplaba o arranxo das dúas prantas do edificio así como a renovación da instalación eléctrica, os elementos de fontanería, a pavimentación e a renovación da carpintería exterior.A primeira fase de rehabilitación foi subvencionada pola Deputación Provincial con 55.734 euros, tendo que aportar o Concello a cantidade de 30.000; básicamente empregouse no acondicionamento interior do inmoble, destinándose unha segunda fase ao remate final do edificio e, sobre todo, ao adecentamento do entorno mediante unha subvención aportada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería de Medio Rural que aportou 58.000 euros para este fin.

Coa renovación desta infraestructura, o Goberno de Arzúa avanza de xeito notable na conquista dun dos seus obxectivos, dotar a todas as parroquias dun centro de ocio e encontro para todos os seus veciños; o Alcalde de Arzúa manifestaba esta mesma mañá a súa satisfacción por “ter finalizado unha infraestructura tan necesaria como demandada polos veciños do rural que sempre agradecen poder desfrutar dun local perfectamente acondicionado para a celebración de calquera tipo de actividades”. Dende o Concello programarán nos vindeiros días un acto simbólico de inauguración do inmoble que servirá para facer entrega das chaves do local coa finalidade de que, tal como sinalou o Alcalde, “os veciños de San Martiño lle dean uso por moito tempo”.

Sociedade