San Martiño do Couto, espera pola restauración

San Martiño do Couto, espera pola restauración

16 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Xunta de Galicia non destina ningunha partida específica para a restauración do mosteiro de San Martiño do Couto no Concello de Narón. Iso non significa que non se poidan continuar as obras de remodelación do histórico cenobio, dado que o goberno autónomo podería botar man de partidas xerais.

A Xunta de Galicia investiu xa arredor de 172.000 euros na limpeza e consolidación dos seus muros, acondicionamento da sacristía e reparacións dos retablos interiores. As obras realizaronse no pasado ano 2008 por parte da consellería de Cultura que dirixía a nacionalista Anxela Bugallo.

O Concello de Narón proxecta adecuar un parque forestal nas inmediacións cun orzamento que ascende a 233.000 euros. E unha primeira fase do proxecto de conectar o paseo da Gándara co de Xuvia para enlazar o actual vial peonil que bordea a ria de Ferrol. A rehabilitación integral do mosteiro do Couto conta cun orzamento que ascende a 1,7 millóns de euros, segundo un anteproxecto encargado pola Xunta no ano 2005.

A igrexa de San Martiño formou parte do antigo mosteiro do Couto, fundado polos condes de Traba. As cuantiosas doazóns desta familia, fixeron que, a finais do século XI, o cenobio acadara un forte poderío. A zona máis antiga da igrexa correspóndese coas ábsidas. Destacan os capiteis con formas vexetais, trenzados e representación de animais. O pórtico e a torre campanario corresponden a unha ampliación realizada no século XVIII.

Cultura