San Valentín. 50 anos de convivencia

San Valentín. 50 anos de convivencia
24 de Marzo, 2021 - 12:30 h. | Publicada por Radio Fene

O barrio fenés de San Valentín cumpre 50 anos. Por ese motivo hoxe percorremos o seu pasado, presente e futuro nun programa especial emitido esta mañá en Radio Fene e reproducido neste podcast que podedes escoitar a continuación.

ESCOITA O PODCAST:

A cooperativa de San Valentín créase tras unha asemblea celebrada en 1967 na Casa Sindical de Fene. O Consello de Administración de Astano cédelle á cooperativa unha parcela de 64.000 metros cadrados na Chousa de Perlío. Era o 1 de agosto de 1967. En 1969 Astano contaba con 3.145 traballadores. Ese ano asina un contrato coa compañía americana Gulf para construír unha serie de petroleiros dun total de 2.800.000 TM.

A falta de vivenda para os operarios chegados de todas partes é acuciante. Formalízase o contrato coa empresa construtora Hidrocivil S.A. para a construción de 384 vivendas. Estaba prevista a finalización da obra en setembro de 1970 pero non empezarán a ocuparse ata marzo, abril e maio de 1971. As chaves da segunda fase de vivendas (240) entregáronse en xullo de 1975. A primeira nena nacida en San Valentín, o 6 de maio de 1971, é na actualidade a Ministra de Traballo, Yolanda Díaz. 

Percorremos a traxectoria do barrio de San Valentín e do estaleiro, que camiñan en vidas paralelas, coas inestimables testemuñas de Xesús Díaz e Juan Miraz. Tamén colaboran outras voces como a de José Manuel Ardao, membros do CPS ou o Concello de Fene. Inestimable é tamén a guía polo barrio que nos proporciona Leo (Carlos Gómez) e as imaxes do barrio fenés tiradas por Maite Martínez.

Sociedade

Publica o teu comentario agora