San Valentín no Parlamento

San Valentín no Parlamento
19 de Maio, 2023 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Parlamento Galego respalda, por primeira vez, a supresión das dúas torres de alta tensión do barrio de San Valentín. O BNG logrou a implicación da Comisión de Industria e o apoio de todos os grupos políticos a unha iniciativa do deputado da comarca Mon Fernández. A resolución aprobada por unanimidade, froito das xestións feitas polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, e pola concelleira de Servizos, Sandra Permuy, busca o compromiso da Xunta para lograr a retirada ou soterramento das liñas de alta tensión.

ESCOITA O PODCAST:

“Unha reivindicación xa histórica”, así cualifica a súa proposta o deputado nacionalista, que lembrou a preocupación na veciñanza e a comunidade educativa de San Valentín pola proximidade das liñas de alta tensión. “Sistematicamente o BNG presenta a proposta no trámite de emendas aos Orzamentos da Xunta, eu xa o fixen varias veces, e o PP sempre votara en contra sen dar ningunha alternativa, demostra falta de empatía con un barrio moi poboado”. “A proximidade das eleccións municipais está facendo que en certos temas estean cambiando de criterio”. “É importante que se dea o primeiro paso, estaremos vixiantes para que cumpran o seu compromiso”, advirte o deputado. “A Xunta ten que facer todo o que está na súa man, non só para que poña os recursos necesarios senón porque a súa interlocución coa empresa é necesaria”, sinala Mon Fernández. “A Xunta da axudas públicas ás empresas titulares da rede eléctrica, sacou unha convocatoria de axudas para que renoven tendidos eléctricos que producen danos ás aves e parécenos ben, pero se hai diñeiro para iso tamén debe habelo para garantir a seguridade das persoas”, conclúe.

Institucional

Publica o teu comentario agora