Sandra Permui, candidata a alcaldía de Fene

Sandra Permui, candidata a alcaldía de Fene
02 de Maio, 2025 - 11:43 h. | Publicada por Radio Fene

Unha vez o pleno da Corporación de Fene tome conta da renuncia de Juventino Trigo, convocaráse unha nova sesión antes de dez dias para proceder á elección de alcalde ou alcaldesa. O BNG presentará como candidata á actual tenente de alcalde Alexandra Permui Meizoso. É na actualidade concelleira delegada de Benestar Social, Servizos, Persoal e Seguridade. Sandra é educadora infantil e veciña de San Valentín. Foi directiva do Centro de Promoción Social desa parroquia e conta con 49 anos. 

O Pleno da Corporación de Fene no que tomará conta da renuncia de Juventino Trigo á alcaldía previsiblemente se celebrará o vindeiro venres. Fixaráse a data e a hora despois dun contacto cos grupos municipais a comezos da vindeira semana. 

 

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, anunciou esta mañá que deixa a Alcaldía e renuncia á acta de concelleiro, pechando unha etapa de traballo intenso e compromiso coa veciñanza. A decisión, tomada “por motivos persoais e de oportunidade política”,  e tras unha profunda reflexión, foi comunicada nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos membros do goberno municipal. Durante a súa intervención, Trigo expresou o seu agradecemento á veciñanza de Fene, ao seu equipo de goberno, ás traballadoras e traballadores municipais, ás compañeiras e compañeiros de corporación, así como a todas as persoas que depositaron a súa confianza no proxecto nacionalista ao longo dos anos. "Fene funciona grazas ao esforzo colectivo. Deixo a alcaldía con orgullo, sabedor de que compartimos camiño, valores e ilusións", manifestou emocionado.

 

 

 

Na imaxe, o actual alcalde Juventino Trigo, a candidata a alcaldía Sandra Permui e o deputado do BNG Xosé Manuel Golpe

Institucional

Publica o teu comentario agora