Saneamento no camiño do Sartego

A obra completarase co aglomerado do vial.
30 de Xaneiro, 2019 - 02:36 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene adxudica en preto de 90.000 euros as obras de saneamento e aglomerado do Camiño do Sartego. A intervención contempla a instalación dunha rede separativa para augas residuais e pluviais e permitirá poñer fin aos afundimentos do firme derivados das filtracións. A actuación tamén contempla o aglomerado da rúa Fontenova no treito entre o Museo do Humor e ata o Camiño do Sartego.

O alcalde, Gumersindo Galego, informou esta mañá da adxudicación das obras de reposición do saneamento e aglomerado no Camiño do Sartego –dende a Avenida Naturais ata o Camiño de Casanova- e a pavimentación da rúa Fontenova –entre o Museo do Humor e ata o propio Camiño do Sartego-. A actuación requerirá dun investimento de 86.958,59 euros e financiarase con cargo a fondos procedentes da Deputación provincial da Coruña. Na actualidade, o camiño do Sartego conta cunha rede unitaria de saneamento – que conduce as augas residuais e pluviais-. Entre setembro e novembro de 2015, a empresa concesionaria do servizo de augas levou a cabo diversas inspeccións da rede de alcantarillado no treito comprendido entre a Avenida Naturais e o camiño de Casanova, constatando o seu deterioro, que deriva en filtracións e que se traducen en afundimentos e danos no firme.

Como solución, o Concello levará a cabo a reposición do colector de saneamento sito no Camiño do Sartego e procederá ao desdobre con novas redes de saneamento separativas, unha para augas residuais e outra para pluviais. Ademais, pavimentarase todo o camiño. De igual xeito, e tendo en consideración tamén o estado actual de parte da rúa Fontenova (dende o Museo do Humor ata Camiño do Sartego), a intervención contempla a reposición do pavimento existente mediante mistura bituminosa en quente en todo o ancho da calzada, así como a execución dun paso transversal para peóns sobreelevado nas inmediacións do seu extremo leste (saída a AC-115,P.K. 0+160 marxe dereita).

Institucional

Publica o teu comentario agora