Sapristi convídanos a reflexionar sobre “Por que o meniño se coce na polenta?”

Sapristi convídanos a reflexionar sobre “Por que o meniño se coce na polenta?”

12 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A compañía galega Sapristi Teatro estreaba onte no Salón Teatro de Santiago, só para público convidado, o espectáculo Por que o meniño se coce na polenta? Hoxe ás oito e media da tarde e mañá ás seis repiten e, agora si, os que o desexen poden mercar xa as entradas para asistir ás funci

Nuria Sanz achega un intenso traballo interpretativo en Por que o meniño se coce na polenta?. Con ela sobre o escenario, Ignacio Sanz emprega toda unha serie de “instrumentos imposibles” para compoñer un espazo sonoro envolvente e evocador do universo de recordos da protagonista. O equipo artístico complétano Baltasar Patiño como deseñador da iluminación, Marta Pazos a cargo do espazo escénico e do vestiario, Gustavo Dieste como axudante de dirección e Daniel Abreu como colaborador na dramaturxia.

Publicada en Stuttgart en 1999, a obra orixinal de Aglaja Veteranyi (Bucarest, 1962-Zürich, 2002) Warum das kind in der polenta kocht? está escrita a modo de diario, relatando o día a día na caravana, nos hoteis e nunha residencia para contar, cun trasfondo tan cruento como verdadeiro, a particular visión que do mundo ten a protagonista. Así as cousas, a peza aborda temas como a explotación infantil, os abusos e os malos tratos, o sexo, o desarraigamento, a identidade propia e familiar, o medo á morte ou a procura da felicidade.

A actriz Nuria Sanz

Na montaxe de Roberto Leal, quen coñeceu pouco a Aglaja pouco antes de falecer, Nuria Sanz sitúase no escenario para contar como esta muller se suicidou o 3 de febreiro de 2002. Aparece como ela mesma, como unha actriz que nos vai dar unha información pero, por arte de maxia –a mesma maxia que preside toda a obra teatral– convértese na propia Aglaja contando a súa historia real. Ao tempo, a escenografía, que muda para transformarse nunha pista central cunha bancada a modo de grada, traslada o espectador a un circo. A partir de aquí establécese un xogo interpretativo entre a actriz e o seu personaxe, de modo que se sucede a representación de imaxes sacadas da memoria e do maxín da cativa.

Durante todo o espectáculo, está presente a referencia ao conto romanés que dá título á obra e que a irmá de Aglaja lle contaba cando era pequena nun intento de evadirse da realidade. A modo de xogo, o conto do meniño que ferve dentro da pota da polenta trataba de dar que pensar aos máis cativos sobre os motivos polos cales o pequecho rematara aí. Non obstante, Aglaja non deixaba de aterrorizarse ao pensar nun rapaz fervendo no medio deste prato de orixe italiana, pero moi habitual en Romanía.

A composición musical de Ignacio Sanz

Para a composición musical coa que Ignacio Sanz consegue evocar o universo dos recordos de Aglaja, combínase a pregravación co directo utilizando instrumentos convencionais con outros de fabricación propia e reciclados. Así, a marimba, a caixa, o bombo e os pratos de choque recrean o mundo circense. Igualmente, o timbal con caixa de música rememora a infancia da protagonista. Doutra banda, a frescura da música en directo combínase coa orixinalidade doutros sons conseguidos a través de “instrumentos imposibles”, como tarros de marmelada afinados con auga, botes de latón, sachos, un xogo de paellas afinadas con distintos colgantes de pedra, metal e madeira suspendidos nunha especie de portería, ou o ocean sound, un aparello de fabricación propia.

Entradas

As entradas para as funcións de hoxe sábado e de mañá domingo xa están dispoñibles a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira da web www.caixagalicia.es. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das actuacións. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Cultura