Saraibas, un símbolo de compromiso co país

Saraibas, un símbolo de compromiso co país

20 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha soa vez máis. Trinta anos despóis o mítico grupo Saraibas volta ao berce que lle veu nacer, o Festival Irmandiño de Moeche. Unha oportunidade única para os que agora contan con 50 anos para rememorar algún dos temas célebres dos  comezos de Saraibas. Unha música con sentimento de compromiso co país, de nación.

Os autores da mítica” O Revola” ao pé do cañón  por última vez no Festival Irmandiño de Moeche que se celebra este sábado. Aquel grupo que asomou a cabeciña hai tres décadas agora fai a súa última posta en escena , pero esta vez coa estela que deixou ao seu paso. Saraibas é falar de sentimento, de compromiso coa terra, cun pobo e cunha fala. Unha defensa da lingua por riba de todo, como afirmou esta mañá en Radiofusión un dos compoñentes fundadores Martín Sanjurjo.

Fronte á música comercial que prima na actualidade, Saraibas tiña a súa identidade propia. As orquestras  daqueles anos coñecíanse pola súa música, pola súa peculiaridade. Agora, segundo Sanjurjo, todo soan iguais, non brilan pola súa singularidade.

Saraibas abandoaba os escenarios no ano 2004 por motivos laboráis e non por unha separación como se dixo. Quédanos a súa herdanza, seis discos, oito produccións de Cantareliñas, un traballo especial para a editorial S.M. e algunha gravación co gallo de actos concretos como para homenaxear a figura de Celso Emilio Ferreiro. Queda agardar que non sexa a derradeira actuación este sábado en Moeche. Que sigan cantando para poder voar.

Sociedade