Sardiñas e churrasco para festexar o San Xoan en Fene

Sardiñas e churrasco para festexar o San Xoan en Fene

22 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Entre duascentas cincuenta e trescentas racións repartirá este ano a Sociedade O Pote de Maniños na súa tradicional sardiñada do San Xoán. O encontro gastronómico celebrarase o mércores a partir das nove da noite no campo da festa. A directiva que preside Gerardo Pérez Sas promete que “ninguén vai pasar fame”.

Segundo explicou a Radiofusión o responsable da entidade fenesa, “este ano mércaronse ao redor de cen quilos de sardiñas”. Para acompañar ao prezado peixe, cada ración incluirá os típicos cachelos, pan e viño. E todo isto, a prezos populares.

Na parroquia de Perlío, a Asociación de Veciños volve organizar –por sexto ano consecutivo- unha churrascada para a noite de San Xoán. O elevado prezo que adoitan acadar as sardiñas nestas datas e a dificultade de conseguilas nun momento no que a demanda do producto se dispara, levaron á directiva da entidade veciñal a apostar un ano máis pola carne.

As racións de churrasco, chourizo, pan, viño e xeado comezarán a repartirse ás nove da noite na Praza da Escola de Perlío. O presidente da AAVV, Carlos Fernández, adiantou que o prezo que se fixou por ración ascende a seis euros para socios e a dez para non socios. Ademais, no decurso da velada sortearanse dous xamóns e seis botellas de viño. A animación musical correrá a cargo do dúo Villa e Bea.

Sociedade