Scarlattine pecha con Mano libera o X Festival Internacional de Titeres de Redondela

Scarlattine pecha con Mano libera o X Festival Internacional de Titeres de Redondela

25 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Cumpríronse as peores das previsións e a choiva si estivo presente na X edición do festival internacional de títeres de Redondela.  Unhas precipitacións que desluciron o traballo do colectivo Xente titiriteira xa que sobre todo durante a tarde de onte foi preciso improvisar, modificar a ubicación dos espectáculos e incluso pospoñer aqueles cuxo escenario eran as rúas do centro da vila.

Moito uso se lle deu tanto á carpa instalada na praza do Concello e que albergou ao longo de todo o fin de semana diferentes espectáculos, como o auditorio José Figueroa. Un espacio alternativo que todos os anos está en reserva ante posibles inclemencias meteorolóxicas e que tanto onte como o sábado quedouse pequeno para albergar o público que se achegaba a espectáculos como “o Circo africano” de Dittout ou as “Bonecrónicas” dos brasileiros Animasonho.Un mal tempo que influíu no desenvolver previsto dos espectáculos pero que tamén se viu reflectido no número de visitantes que sufriu un descenso respecto a anos anteriores. Pese a todo, grandes e cativos acudiron de xeito masivo a Redondela. Foi patente esa presencia de público sobre todo nas actuacións de sala. A totalidade das entradas anticipadas estaban xa vendidas o venres e as que se puñan á venda na billeteira desaparecían de xeito inmediato.Unha sorprendente obra de Scarlattine teatro foi a encargada de pechar o programa deste ano. Un xogo de debuxos, teatro, luces e transparencias baixo o título “Mano libera” que foi a collido cunha ovación entre o público que ateigaba o salón multiusos.

Deportes