Se buscas a Galicia, en tí tes que atopala

Se buscas a Galicia, en tí tes que atopala

17 de Maio, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

"A Xunta de Galicia non promociona o idioma galego". "A mocidade cada vez fala menos galego porque é moita a presión social en contra da nosa lingua". "Se se perde o galego, perde a cultura universal". Foron frases pronunciadas esta mañá por algúns dos milleiros de manifestantes que percorreron as rúas de Santiago de Compostela secundando o chamamento de Queremos Galego. Son verdades como puños, como sabe todo o mundo en Galicia.

"Temos lingua propia e queremos vivir nela, non é un capricho, é unha necesidade", sinalou na Praza da Quintana, Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística, quen ve no seguimento da mobilización a mellor mostra de que "o galego une". "pode haber convocatoria máis ampla, diversa e plural que esta?", pregúntanse, nun contexto no que "na causa do galego só sobran os que queren dividir, sementando prexuízos seculares contra Galiza e o seu idioma", os mesmos aos que fixeron fronte as irmandades, pero agora "con decretazos e sentenzas. "As Irmandades da Fala do século XXI somos nos!", exclamou Maceira no nome da organización.
Alén de reivindicacións máis xerais a prol do "dereito humano" de poder empregar con normalidade a propia lingua, Queremos Galego lanzou neste 17 de maio reivindicacions máis concretas. Non son novas, pero si están pendentes, toda vez que forman parte do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento en 2004. Cumpriría, din, comezar "polas seis máis urxentes": "Impulso ao papel normalizador da CRTVG", "ensino en galego", "administración en galego", "transporte público con respecto pola toponimia real", "convenio coa RTP para garantir a recepción mutua do sinal televisivo entre Galiza e Portugal" e "axudas e subvencións públicas condicionadas á utilización práctica e efectiva da lingua galega".
Sociedade