Segundos no rali de Portugal

Segundos no rali de Portugal
04 de Maio, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O Rali Terras D´Aboboreira, 2ª cita puntuable para o FIA_ERT e 1ª do calendario para os feneses *Édgar Vigo e Fátima Ameneiro, disputouse este fin de semana en Portugal. Nesta proba, os de Fene lograron clasificarse en 2ª posición dentro dos Rally5, o grupo de vehículos no que estaban englobados e a través do que obterían os puntos para o campionato.

Non foi sen loitalo, xa que no último tramo, cando estaban en 3ª posición a 18´ do 2º posto, decidiron atacar e unha picada ao comezo da especial, parecía que lles arruinaría a competición, pero o estado da pista de terra estaba tan esnaquizado que non só eles picaron, senón que o fixeron 20 equipos máis e entre eles, o inmediatamente anterior na xeral, tras ser máis lento que os de Fene no cambio de roda. Deste xeito, os de Fene, sen esperalo, obtiñan a 2ª posición.

"Ao tomar a saída no rallye cun Renault Clio Rally5, o posto que nos correspondeu na lista foi moi atrasado e atopabámonos os tramos literalmente rotos. Foron moitos os compañeiros que dicían que o último tramo parecía un Dakar, sen visibilidade, con anacos de coches polo camiño e pedras enormes que afloraban en cada curva. Ao final, ao ver que non fomos os únicos que picamos e que fixemos o cambio de roda moito mellor que noutras ocasións, vímonos moi contentos. Nas carreiras, como na vida, non podes renderte nunca" afirma Edgar Vigo.

"Despois de 1 ano sen competir, volvín recuperar o ritmo e a tensión da competición e estou moi contenta. O rali foi moi duro e tivemos que loitar durante toda a carreira cun coche ao que tardamos en axustarnos xa que parecía que nunca facía pé. Agora, espéranos Francia en menos de 2 semanas" apunta Fátima Ameneiro.

A próxima semana o equipo desprázase aos Alpes franceses, na fronteira con Suíza, para afrontar o Rally Ain Xura, seguinte proba do FIA_ERT na que tomarán parte, nesta ocasión, a bordo dun Peugeot 208 Rally4 e en asfalto.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora