Sen lograr o resultado esperado

Sen lograr o resultado esperado
28 de Maio, 2025 - 09:37 h. | Publicada por Radio Fene

A segunda cita do FIA European Rally Trophy, o Rallye Cesky Krumlov da República Checa, contaba de novo coa presenza dos deportistas do Scratch Fene, Édgar Vigo e Fátima Ameneiro. Despois do mal resultado alcanzado no Rallye Terras D´Aboboreira, onde só se contaba con 3 vehículos da categoría Rally5 e por tanto, o coeficiente reducía os puntos a un máximo de 30, obtendo 24 tras alcanzar a 2ª posición, os feneses expuxeran un cambio de montura para esta tempada 2025. Buscando evitar os problemas orzamentarios de 2024, o equipo checo Sparrow Racing puña á súa disposición, por un prezo máis económico que o do Peugeot 208 Rally4, un Ford Festa Rally4 que, sobre o papel, dispuña dunhas prestacións similares ás do coche do león.

A competición iniciábase cunha superespecial sobre asfalto liso e as sensacións non eran malas, coa configuración de suspensión seleccionada. Despois desta, comezaban na tarde do venres, os tramos de verdade e aí, os de Fene querían aproveitar o coñecemento do terreo que alcanzaran coa súa participación da tempada anterior. No primeiro dos tramos, as sensacións eran de ir moito máis rápido que en 2024, onde o menor coñecemento do terreo, tíñalles penalizado, pero con todo, o resultado foi moi similar, só mellorando en 2 segundos. O peor, viría coa seguinte especial, de 24km. Este tramo, agrupaba 2 das especiais do ano anterior, nunha soa e discorría por un asfalto moito máis roto e irregular. Neste terreo, novamente as sensacións eran de circular rápido e, con todo, o seu tempo foi moi atrasado con respecto aos seus rivais. Tras isto, durante todo o rallye realizáronse cambios de reglaxes, para buscar a configuración óptima, pero os segundos seguían caendo sobre o equipo galego, finalizando a carreira en 9ª posición de RC4 e levándose só 27 puntos.

Édgar Vigo afirma que "o cambio de coche foi un erro. As sensacións do 208 son moitísimo mellores e a súa suspensión le a estrada moito mellor. No Ford a sensación era de ir a lume de biqueira constantemente, mentres que o Peugeot é xusto ao revés. De cara á próxima cita, volveremos ao Peugeot".

Para Fátima Ameneiro,  "Enganámonos. Por motivos orzamentarios quixemos apostar polo Ford e como resultado traemos moi poucos puntos. Necesitamos que as cousas cambien nas 2 próximas citas de Suíza e Croacia".

 

Deportes

Publica o teu comentario agora