Sen medo á tecnoloxía

Sen medo á tecnoloxía
21 de Febreiro, 2026 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Boa acollida tivo a iniciativa da Concellería de Benestar de ofrecer formación en competencias dixitais para maiores de sesenta anos. Organizou dous cursos coa colaboración da Fundación Cibervoluntarios do que nos falaron o concelleiro de Benestar, Manuel Polo e un dos alumnos dos cursos, Suso Pérez Lago. 

“Moi importante que todas as persoas teñan acceso ás tecnoloxías se queren”. Con esa idea puxo en marcha a iniciativa a Concellería de Benestar. “Había demanda, o grupo encheuse e a xente quedou con ganas de repetir e seguir profundando”, sinalou o concelleiro. Anunciou a intención de facer novos cursos, nos que pode haber diferentes niveis, porque nesta primeira edición había xente que non tiñan nin correo electrónico e outras máis familiarizadas coa internet e as redes.  Houbo dous cursos para aprender a manexarse coas novas tecnoloxías. Un para aprender a  navegar de forma segura pola Internet e para realizar xestións de xeito dixital e outro relativo ao uso de redes sociais e a usos das tecnoloxías como a realización de vídeo chamadas. Suso Pérez Lago fixo os dous. “Saquei cousas moi positivas”, sinalou, aínda que opina que sería máis útil que os asistentes tiveran un nivel semellante. “Descubrín máis posibilidades en cousas que coñecía”. Destaca pola súa utilidade que aprendeu a xerar contrasinais seguros, tamén a pagar co móbil ou a posibilidade de baixar de Google Maps un percorrido, “se non tes cobertura queda gardada e podes ir guiándote ou mandar a ubicación a outra persoa”.

Institucional

Publica o teu comentario agora