Sen mirar atrás

Sen mirar atrás
02 de Marzo, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Máis mascotas abandonadas despois da pandemia. “Tráeno e marchan sen mirar atrás, todo o ano estamos recollendo”. No refuxio da Asociación Protectora de Animais Domésticos Abandonados do Noroeste a inmensa maioría dos animais que acollían antes da pandemia eran cans de caza, agora aumentou a porcentaxe dos que proceden de xente que padece o chamado síndrome de Noe ou de persoas que abandonan ás súas mascotas. A presidenta de Adapan, María Díaz, participou no espazo Radio Animal de Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

“Antes da pandemia o 90% eran cans de caza, agora son o 70-75% e o resto proceden de persoas que teñen síndrome de Noe, que acumulan animais sen sentido, ou que os donos deixan por motivos variados, un cambio de piso, porque teñen un bebé, unha nova parella. É como se agora estiveramos máis cansos de calquera cousa que nos molesta”. “Están ben coidados e alimentados. Case sempre os traen os donos e déixanos sen mirar atrás”, lamenta a presidenta desta protectora que ten un refuxio en Culleredo. O estado no que chegan é moi distinto no resto dos casos. “Se veñen da rúa, como mínimo delgados e con algunha enfermidade de pel, habitualmente sarna, cando se trata de animais da Arca de Noe habitualmente teñen dano psicolóxico”. Adapan naceu en 2000, conta con un equipo de 14 voluntarios que traballan no refuxio e dá acubillo a 80 cans. Poderían ser máis, ata 90, pero algúns dos acollidos teñen problemas de convivencia, polo que deben estar sos no seu canil. “Temos agora bastantes cans que ocupan un canil no que caberían tres, que rexeitan o contacto humano e non podemos arriscar que as coidadoras poidan ter un percance con eles, é improbable que poidamos recuperalos ao 100% e dalos en adopción”, relata. “O noso obxectivo é protexer, coidar e dar unha nova vida aos cans que recollemos, somos un equipo bastante grande, formado fundamentalmente por voluntarios, sería inviable se tivéramos que pagar a todos”. A directiva está formada por catro persoas e contan con tres traballadoras contratadas. Unha veterinaria e dúas coidadoras, “son un piar fundamental”. No día a día, pola mañá fan tarefas de alimentación, medicación e limpeza das instalacións. Pola tarde, alimentación, medicación e paseo “todos saen de paseo a monte aberto, que aprendan a camiñar con correa é o primeiro paso para que poidan ser adoptados”, sinala.

Sociedade

Publica o teu comentario agora