Sen mulleres non hai debate

Sen mulleres non hai debate

12 de Febreiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por

A diversidade en boa parte dos actos públicos reflíctese coa presenza de persoas con diferentes pensamentos, opcións políticas, razas, opcións sexuais ou confesións. Mais é común que todas esas persoas compartan unha mesma característica esencial: son homes. “Ás veces, mesmo se buscan homes para representar o movemento e as posicións feministas”, explica unha carta aberta difundida co lema “

Reproducimos a seguir o texto da proposta:

Cada ano, o 8 de marzo, multitude de institucións culturais e de persoas relacionadas coa cultura organizan ou participan en actos en favor da igualdade de xénero. Cada ano, durante os 364 días restantes, institucións culturais e persoas relacionadas coa cultura quedan impávidas ante a ausencia de mulleres en medios de comunicación, eventos artísticos, antoloxías, congresos ou carteleiras de cinema, música, teatro...

Homes altos, baixos, delgados, gordos, de esquerdas, de dereitas, republicanos, monárquicos, independentistas, nacionalistas, heterosexuais, homosexuais, bisexuais, asexuales, transexuais, relixiosos, laicos, ateos, que se supón que representan todas as identidades e ideoloxías posibles. Ás veces, mesmo se buscan homes para representar o movemento e as posicións feministas. E iso non é real. O mundo é diverso e nesa diversidade están presentes as mulleres.

Xa que logo, nós, as mulleres e asociacións asinantes desta carta, pedimos a todos os homes que desexan facer algo por un mundo máis xusto, mellor representado na súa pluralidade, un xesto simbólico, ao longo do mes de marzo de 2015: digan “Non sen mulleres”. Non senten a falar, a debater, a participar, a compartir coñecemento ou creación sen pensadoras e creadoras. Usen o privilexio que o sistema lles concede de ser chamados os primeiros, cando non os únicos, para dicir “non sen mulleres”. Coñezan ás mulleres das súas áreas de coñecemento, noméenas, desígnenas ou propóñanas para obter postos, mencións, honras. Lembren que hai, e que houbo sempre desde tempos inmemoriais, pintoras, escultoras, compositoras, dramaturgas, filósofas... Lémbreno cando fagan as súas listas de libros, de lecturas, de películas, de cancións.

E nós, os homes asinantes desta carta, comprometémonos, como xesto simbólico, ao longo do mes de marzo de 2015, a non participar en ningún debate, programa televisivo, faladoiro radiofónico, congreso, xurado, festival ou similar, de composición exclusivamente masculina.

Cando as mulleres estean, esteamos presentes no imaxinario colectivo, estaremos presentes no deseño das políticas, dos currículos, da creación das cidades, da educación, da cooperación. Cando as mulleres deixemos de ser representadas por homes e escondidas polo discurso do masculino como universal non farán falta días pola igualdade de xénero.

Asinado:

Laura Freixas, presidenta, e María Martín Barranco, socia, de Clásicas y Modernas, asociación para a igualdade de xénero na cultura

Marian López Fernández Cao, presidenta de Mujeres de Artes Visuales (MAV)

Virginia Yagüe, presidenta de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales (CIMA)

Capitolina Díaz, presidenta de Asociación de Mujeres investigadoras y Tecnólogas (AMIT)

Piar Rius Fortea, presidenta de Mujeres en la Música

 

Sociedade