ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Son persoas que participan en concentracións. Na maioría dos casos, sen maiores incidentes. A Policia Nacional solicitalle a documentación. Logo reciben a denuncia, xuizo e penas desproporcionadas, inxustas e abusivas, somentes por loitar pacificamente por condicións de vida e traballo dignas. Unha sentenza condea a Serafín e Carlos, de Vigo (un deses casos) a tres anos de cárcere.
Unha mobilización en solidaridade con Serafín e Carlos desenvolveuse este mércores nas inmediacións dos Xulgados da rúa Lalín de 11.00 a 12.30 horas, ao principio como concentración pero posteriormente nunha concorrida manifestación que percorreu Praza América e un tramo da Avenida da Coruña antes de regresar ao edificio xudicial.
Unha vez alí anunciouse que a xuíza do Xulgado do Penal vén de remitir un informe desfavorábel á concesión do indulto, a pesar de que os supostos prexudicados pola acción pola que foron condenados os traballadores maifestaron non ter inconvinte algún en que se lles outorgue. Para rematar o acto deuse lectura ao seguinte comunicado conxunto da CIG, UGT e CCOO:
Conforme se agravan as políticas de recorte e agresión contra os dereitos das clases populares, asistimos tamén á reiterada criminalización da resposta social, especialmente a de carácter sindical. É tamén crecente a represión contra todas aquelas persoas e movementos sociais que, no libre exercicio de dereitos fundamentais, se opoñen ás políticas antisociais do goberno, esixen respecto aos seus dereitos e demandan condicións de vida e de traballo dignas.
Os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocamos folgas para reivindicar a mellora das condicións laborais e durante estas sucedéronse denuncias contra moitas das persoas que participaron nestas accións reivindicativas. No ano 2008, durante a negociación do Convenio Provincial de Transporte de Mercadorías da provincia de Pontevedra, no 2010, nas negociacións do Convenio Galego de Instalacións Deportivas, e no 2012, no transcurso da folga xeral do 14 de novembro.
Debido a estas denuncias, varias persoas foron sometidas a xuízo. Como resultado, houbo compañeiras e compañeiros inxustamente condenados a tres anos de cadea. É o caso de Serafín e Carlos, traballadores do transporte de mercadorías ou de Ana e Tamara, traballadoras do sector de instalacións deportivas. Os recursos presentados contras estas sentenzas foron rexeitados, así como a primeira solicitude de indulto de Serafín e Carlos.
Os casos de Serafín e Carlos non son illados: no noso país xa houbo máis, pero tamén no resto do Estado, a día de hoxe hai preto de 40 casos similares. Repítense sempre as mesmas pautas, así como as condenas que solicitan as Fiscalías: penas desproporcionadas, inxustas e abusivas que pretenden amedrentarnos e debilitar a nosa capacidade de resposta como clase. Unha vez máis, vemos como os tribunais, ditando estas sentenzas inxustas, colaboran na máis brutal represión contra a clase traballadora, convertendo nun delito a defensa dos seus dereitos, a loita por condicións de vida e de traballo dignas.
Mentres se actúa con esta dureza, por parte do poder, contra a clase traballadora, a Fiscalía e os tribunais manteñen unha actitude de total pasividade diante dos empresarios e empresarias que ameazan, coaccionan e vulneran todos os días os dereitos dos seus empregados e empregadas. Queda de manifesto, unha vez máis, a que intereses responden o Código Penal e o aparato xudicial responsábel de aplicalo.
Toda esta grave situación ten un culpábel directo e claro, o Goberno do PP, que coa súa política elitista e represiva, de confrontación co movemento obreiro e recorte das liberdades públicas, retrotráenos en moitos aspectos ao franquismo: nin sequera nos últimos anos da ditadura se pedían penas de prisión tan elevadas por defender os dereitos da clase traballadora. Os Executivos presididos por Rajoy e Feijóo, como bos Gobernos de dereitas, aproban medidas servís aos insaciábeis intereses das grandes fortunas, da patronal ou dos mercados financeiros; manteñen unha actitude de total permisividade a respecto da corrupción e de delitos que cometen as súas amizades ou mesmo membros do seu partido.
Non podemos calar: temos que defender os nosos dereitos! Non podemos permitir que a loita sindical e a contestación social se vexan limitadas por estas actuacións ou polas novas reformas lexislativas que o PP está a por en marcha, como é o caso da reforma do Código Penal ou a mal chamada Lei de seguridade cidadá, a través das que se pretende acometer un ataque brutal a dereitos e liberdades fundamentais como son a folga e a manifestación, expresións de contestación social que debe salvagardar calquera sociedade democrática.
Por todo isto, chamamos o conxunto da clase traballadora e do pobo galego a responder contra esta inxustiza e a rexeitar a persecución penal da liberdade sindical, instando o Goberno do Estado a anular calquera orde de ingreso en prisión para Serafín e Carlos e que lles conceda o indulto, petición que facemos extensible para todo compañeiro ou compañeira que se poida atopar na mesma situación.