Sir Roger Penrose faise co IV Premio Fonseca de Divulgación Científica

Sir Roger Penrose faise co IV Premio Fonseca de Divulgación Científica

27 de Xullo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

Esta mañá reuniuse na cidade de Santiago de Compostela o xurado que escolleu ao gañador do IV Premio Fonseca de Divulgación Científica, un galardón internacional que este ano caeu en mans do científico Sir Roger Penrose.

O premio, cuxo gañador foi escollido esta mesma mañá no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, e que en edicións anteriores foi a parar a personalidades do tamaño de Stephen Hawking, recoñece a divulgación, magnitude e repercusión social da obra científica do gañador, ademais de valorar, tal e como declarou o membro do xurado e reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, outros factores, como os riscos asumidos ou a multidisciplinariedade do científico. Sir Roger Penrose, autor de obras tan importantes como "A nova mente do emperador", o seu libro máis coñecido a nivel mundial e no que plantexaba a hipótese de que o cerebro humán non é replicable, foi escollido como vencedor deste ano por ir máis aló do seu campo, achegando os seus coñecementos a públicos de todo o mundo, tal e como destacou o profesor Jorge Mira.

Ademais da súa obra en solitario, que lle levou a recibir numerosos  premios entre os que destaca a Medalla Copley, o premio científico máis antigo da historia, Mira destacou as colaboracións entre o tándem Penrose e Hawking, unha serie de traballos que lles levaron a gañar no ano 88 o Wolf Prize polo seu desenvolvemento da teoría da relatividade.  Este feito, sumado ao recoñecemento do gran público a través das súas figuras imposibles, plasmadas en pintura polo alemán Maurits Escher, o convertiron baixo ollos do xurado, composto por personalidades como Juan Casares, Roberto Varela, ou o propio Jorge Mira, na persoa idónea para recibir este galardón.

Cultura