Soberanía enerxética e alimentaria

Soberanía enerxética e alimentaria
01 de Outubro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Alternativa Veciñal de Antas de Ulla, integrada no movemento cidadán Interior Galego Vivo (IGV), celebrará este sábado 1 de outubro a súa segunda xornada temática baseada na soberanía enerxética e alimentaria no Hotel Restaurante Val.

Se o ano pasado o colectivo veciñal se centraba no problema dos coidados no rural, este ano faino apostando pola necesidade de abrir no rural o debate sobre os camiños a percorrer nos próximos anos para achegarnos a unha soberanía enerxética e alimentaria. AVA convidou para este debate a seis persoas que traerán experiencias e perspectivas diversas sobre a cuestión. Por un lado, estará presente Jaime Izquierdo, Comisionado para el reto demográfico del Gobierno de Asturias, que falará de Moal, unha aldea asturiana que persegue unha nova economía labrega e enerxética. Doutra banda, Iván Rodríguez, Xeólogo e Doutor pola Etsi de Montes da UPM, responsable local do Sindicato Labrego Galego en Lourenzá e experto na docencia universitaria, na consultoría e na administración ambiental local e rexional, centrarase na crise climática, enerxética e social e en “como afrontalas dende o persoal e o local para maximizar a resiliencia da poboación afectada”. Raquel Fernández, polo seu lado, integrante de Amigas da Terra, achegará aos asistentes a realidade das comunidades enerxéticas, “un modelo de organización cidadá para poder participar en múltiples actividades do sector eléctrico que ata agora estaban vetadas e que promoven a descentralización e a soberanía enerxética”. O coloquio completarase con Uxío, do Observatorio enerxético de Chantada, membro tamén do Colectivo Afectados/as pola liña do Maxal/San Fiz e representantes de dúas das explotacións alimentarias máis importantes da Comarca da Ulloa: Pazo de Vilane e a cooperativas As vacas da Ulloa. O acto terá lugar este sábado 1 de outubro ás sete da tarde.

Na imaxe, Iván Rodríguez, Xeólogo e Doutor pola Etsi de Montes da UPM, responsable local do Sindicato Labrego Galego en Lourenzá.

Foto: Interior Galego Vivo.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora