ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O racismo e a xenofobia só poden atacarse dende a comunidade. Precísase a colaboración das persoas migrantes. Hai que darlle voz a toda a xente. Son as conclusións da charla que mantivemos coa coordinadora da Asociación Mobilidade Humana, Soledad Toapanta.

Soledad explicita claramente a invisibilidade da moitas persoas que están a traballar no campo dos coidados e das tarefas do fogar. Toapanta é unha das mulleres fundadoras de Mobilidade Humana, unha entidade que resposta á necesidade de apoio dos inmigrantes dende variadas perspectivas.
As investigacións sinalan que Europa retrocede en Dereitos Humanos. O aumento dos delitos de racismo e xenofobia é un dos datos máis salientables que pode tirarse do Informe sobre os Dereitos Fundamentais 2025 elaborado pola Unión Europea.
Isto cando sabemos que, en moitos casos, este tipo de delitos non chegan a denunciarse. Os datos do Ministerio do Interior recollen que os incidentes de odio en 2024 descenderon case un 14% en relación a 2023, unha situación que confronta á realidade.
Porque a vivencia das persoas migrantes é que a defensa dos seus dereitos é un proceso cheo de dificultades, os trámites administrativos poden chegar a ser un camiño ao calvario. Unha lexislación restritiva e a excesiva burocracia son o primeiro chanzo de rexeitamento. Acceder a un trámite tan sinxelo como o empadroamento pode ser inaccesible.
Cando a realidade é que a maioría de persoas migrantes toman a decisión de emigrar para mellorar as condicións de vida, tanto súas como da súa familia. Esta é a vivencia persoal de Cheik Fayé, un senegalés que chegou a Galicia hai uns anos escapando das malas condicións de vida no seu país e que plasmou a súa experiencia nun libro “Ser Madou Madou”.
A sociedade é plenamente consciente da necesidade da presencia dos migrantes. Son moitos os ámbitos nos que a súa contribución é imprescindible. Chegan ofrecendo as súas capacidades e saberes e atopan, en moitas ocasións, odio e exclusión social. Son necesarias políticas que detecten e atallen estas situacións.
Para algúns especialistas para loitar contra o racismo e a xenofobia é necesario traballar cun enfoque integral que combine prevención, sensibilización e xustiza para combater a exclusión e protexer ás vítimas. Para os propios protagonistas é a súa voz a que ten que escoitarse, son elas e eles os que teñen que poñer en valor o que son e a valiosa aportación ás súas sociedades de acollida.
Resulta imprescindible a actuación da propia comunidade. Os procesos comunitarios teñen a clave para dar unha resposta acaída a esta realidade xa instalada nas nosas sociedades.
Compartir saberes e vidas de residentes e migrantes ten que ser o camiño.
Publica o teu comentario agora