A Sociedade Galega de Historia Natural abre de novo o seu museo

A Sociedade Galega de Historia Natural abre de novo o seu museo

09 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Museo da Natureza da SGHN abriu de novo as súas portas nas instalacións do antigo Hospicio, a carón da Praza de Amboaxe de Ferrol. O retraso nas obras da Casa do Coronel, que vai acoller no futuro a exposición da Sociedade, motivou a reapertura do Museo no seu emprazamento orixinal.

Despois de cáseque un ano pechado, dende esta semana podemos visitar de novo o Museo da Natureza da Sociedade Galega de Historia Natural. Fartos de agardar pola conclusión das obras da Casa do Coronel, os responsables da entidade decidiron abrir de novo o seu Museo no antigo Hospicio, a pesares do deterioro que sofren as instalacións dende hai anos, pero confiando en que sexan seguras trala inspección que realizou o Concello de Ferrol.

Máis de vinte coleccións posúe a Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol, aínda que no Museo só se expón unha pequena parte por limitacións de espazo. Esqueletes de mamíferos, distintos tipos de queixadas e cráneos, arpóns e coitelos, son algún dos elementos que compoñen esta importante colección, recollida agora no “Catálogo dos fondos mariños do Museo da Natureza”.

Segundo un dos membros da Sociedade, Juan Ignacio Díaz da Silva, o esquelete dunha pitón e un exemplar de lura xigante son as pezas que máis chaman a atención da xente, ademais dunha colección de cetáceos coa que conta a Sociedade e outra de cunchas, cedida pola familia San Román de Narón.
 
Trala súa reapertura, o Museo da Natureza poderá visitarse únicamente de luns a venres. Tendo en conta o estado en que se atopan as instalacións, non se permitirá o acceso de grupos grandes, fixando un tope máximo de sete persoas por visita.

Sociedade