Solidariedade Galega co Pobo Saharaui pon en marcha unha nova Caravana pola Paz

Solidariedade Galega co Pobo Saharaui pon en marcha unha nova Caravana pola Paz

24 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A iniciativa de axuda aos refuxiados e refuxiadas do Sáhara consiste na recollida e envío de alimentos de primeira necesidade aos campamentos do Tindouf. Segundo explicou a Radiofusión  o vocal da entidade, Benigno López, desta vez a campaña “céntrase en productos non perecedoiros como garabanzos, lentellas, atún en conserva ou aceite de oliva, ademais de todo tipo de productos de hixiene”.

Ademais da propia Asociación que impulsa o programa, varios concellos da bisbarra e boa parte das entidades sociais do termo municipal de Narón colaboran con esta campaña, animando aos cidadáns a participar e mesmo cedendo os seus locais para que, quen queira, poida depositar os seus productos antes do vindeiro xoves (xa que, a partir dese día, os representantes de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui pasarán a recollelos).

Unha vez clasificados e embalados, os alimentos e productos de hixiene recollidos polas distintas delegacións participantes serán almacenados nunha nave en Porriño ata que se consigan os medios necesarios para trasladalos. Segundo as previsións de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, a Caravana pola Paz podería partir rumbo ao Sáhara a comezos do vindeiro mes de de xullo.

A A.VV da Gándara, Virxe do Mar, as entidades veciñais de Piñeiros, Virxe de Fátima, Altea de Xubia, Chafarís, Alto, Santa Icía e San Xiao participan nesta iniciativa. O mesmo que as AA.VV do Couto, Castro, Irmandiños do Val, San Mateo, Rosa dos Ventos e a Naveira de Doso. Participan tamén a Sociedade Cultural A Pombiña e a A.VV Virxe da O de Pedroso.

Sociedade