ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
O Concello de Fene saca a licitación obras de saneamento e pavimentación en Cornide e a construción dun muro de contención en Perlío. As actuacións saen a licitación cun investimento conxunto de máis de 190.000 euros para dotar de rede de saneamento a un grupo de vivendas de Cornide (Maniños) e estabilizar un noiro na rúa Río Cádavo. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas até o vindeiro 24 de xuño.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permui, destacou a importancia destas súas actuacións, nun caso para resolver unha carencia histórica, avanzando na ampliación da rede de saneamento, e no outro para resolver un problema de estabilidade que preocupaba á veciñanza, garantindo máis seguridade nunha zona cunha importante diferenza de cota. A alcaldesa subliñou que ambas actuacións “forman parte do compromiso do goberno municipal coa mellora continua das infraestruturas e dos servizos públicos, atendendo necesidades concretas que teñen unha repercusión directa na vida diaria da veciñanza”.
Saneamento en Maniños
Respecto ás obras de saneamento e pavimentación en Cornide, na parroquia de Maniños, o orzamento base de licitación pasa dos 100.300 euros. Esta intervención dá resposta a unha demanda histórica, xa que existe un grupo de vivendas que actualmente carece de servizo de saneamento. O proxecto contempla a execución dun colector secundario que recollerá as augas residuais no extremo sur da zona para conectalas coa rede principal existente na rúa Forno. Para facer posible esta actuación foi necesario que o Concello se fixese previamente coa cesión dos terreos para o paso da infraestrutura a través de propiedades privadas. A nova rede terá unha lonxitude aproximada de 440 metros, nos que se instalará unha tubaxe de 315 milímetros de diámetro, ademais dos correspondentes pozos de rexistro e elementos auxiliares para o funcionamento da instalación.
Seguridade do noiro en Perlío
A segunda actuación corresponde á construción dun muro de contención na rúa Río Cádavo, en Perlío, cun orzamento base de licitación de 90.320,55 euros. O obxectivo é asegurar un noiro existente e conter os movementos de terras procedentes da rúa Chancas, mellorando así a estabilidade da zona e a seguridade das persoas usuarias. O muro terá unha altura ao longo do seu trazado que oscilará entre os catro e os seis metros.
Publica o teu comentario agora