Sopas de cabalo cansado

Sopas de cabalo cansado
29 de Marzo, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Son as sopas con viño; as sopas de cabalo, burro, raposo…cansado ou canso.

Cando o pan de millo saía quente do forno, cortábase un anaco e botábase en viño de caíño, normalmente quente, con moito azucre e tomábase durante a comida. A xente maior sabe do que falo.

Dixo Hixinio Puentes: “Pois as sopas de cabalo cansado, fan revivir un defunto”. Dona Emilia Pardo Bazán inclúe estas sopas dentro do apartado “ Sopas frías con vino” e denomínaa sopa de bestia cansada porque os carreteiros dábanllas aos cabalos ou aos mulos para devolverlles as forzas despois dunha longa camiñata. Decía ela que os animais racionais non a rexeitan e resume a súa factura empapando un anaco de pan en viño tinto puro e engadíndolle azucre. Pardo Bazán ten unha versión burguesa da mesma sopa pero máis refinada. Aquí pon biscoitos nunha cazola, empápanse en viño tinto, con canela e azucre.

Nos versos de Rosalía "Has de cantar" (Cantares Gallegos) cítanse as sopas de cabalo cansado:

“…papiñas con leite

Tamén che darei;

Sopiñas con viño,

Torrexas con mel”.

Aínda que xa non son prato corrente e por se queremos probalas, aí vai a receita:

Para 4 persoas precisaremos: Unha botella de viño Mencía, seis culleradas de azucre, unha ou dúas rebandas de pan de millo ou de trigo, canela moída e canela en rama. Envórcase o viño nunha cazola e quéntase. Engadimos azucre e déixase diluir. Introducimos o pan esmigallado e retirar do lume para servir. Xa na cunca ou prato bótaselle enriba unha pouca canela moída e decórase coa canela en rama. Bo proveito.

 

(Na imaxe, Festa das sopas de Burro canso no concello ourensán de Muíños. Celébranse no mes de agosto)

Cultura

Publica o teu comentario agora