Sotomayor e Galicia

Sotomayor e Galicia
02 de Agosto, 2025 - 12:10 h. | Publicada por Radiofusión

No mes de outubro, a Fundación Barrié presenta a exposición "Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960)", unha exposición monográfica que reúne ao redor de 75 obras procedentes de institucións e coleccións privadas de España, Chile, Italia e Francia. Con esta exposición, a Fundación Barrié conmemora o 150 aniversario do nacemento do artista, nacido en Ferrol o 25 de setembro de 1875, e súmase a outros proxectos desenvolvidos pola Fundación en favor da difusión da obra dos máis destacados artistas galegos, como fixo xa con Francisco Llorens, amigo e coetáneo de Sotomayor.

 

Fotografía Xan Xe

Hai dúas décadas a publicación do catálogo das súas obras, a cargo da propia Fundación Barrié, permitiu avanzar substancialmente no coñecemento do pintor. Agora, a exposición vén culminar o empeño da Fundación en achegar ao público a personalidade do artista e facelo do mellor modo: a través das obras de todos os seus períodos creativos elixidas entre as de maior calidade e significación. Isto permitirá apreciar dunha maneira clara o valor da súa pintura. Sotomayor pertenceu a unha promoción de artistas que obtivo os maiores éxitos a partir do logro  da Bolsa da Academia de España en Roma xusto no cambio do século XIX ao XX. Obtivo xa en 1906 aPrimeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid e, ao ano seguinte, o mesmo galardón na Exposición de Belas Artes en Barcelona. Participou en numerosísimas exposicións internacionais de arte celebradas nas dúas primeiras décadas do século, e tamén nas exposicións de arte galega organizadas a partir de 1912. Foi director da Escola de Arte de Santiago de Chile, do Museo do Prado e da Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Durante as últimas décadas do século XX o progresivo recoñecemento en España das correntes relacionadas coa vangarda fixo que a súa obra non fose apreciada na medida en que o foi durante a súa vida. Transcorrido un período xa amplo desde entón (65 anos) pode reconsiderarse con maior obxectividade a traxectoria do artista e, especialmente, o primeiro terzo do século XX, co fin de mostrar o interese e a calidade da súa pintura.

Tamén se tratará a dimensión pública do artista nas súas tarefas relacionadas con varios aspectos. Entre eles, as relacións con Hispanoamérica a través do seu maxisterio na Escola de Arte de Chile, e os traballos na organización de diferentes exposicións, como a de Obras mestras do Museo do Prado en Xenebra en 1939. Ademais, as concernentes á súa dedicación como subdirector (1918-1922) e director (1922-1931 e 1939-1960) do Museo do Prado, cargo que desempeñou durante un número de anos, trinta, superior ao dos demais directores.

Como nos casos doutros pintores que foron directores do Museo, a pegada da gran pintura de séculos pasados, alí moi presente, pode apreciarse na súa arte, especialmente no retrato, xénero que prodigou especialmente e no que foi moi apreciado. Nel advírtese a influencia, sobre todo, de Velázquez, pero tamén de Van Dyck e dos retratistas británicos. Tratou todos os tipos de retratos, desde o de figura de tamaño natural ante unha paisaxe atéas aproximacións aos nenos en retratos de cabezas. 

Un segundo gran grupo de obras está formado polos temas de costumes ambientados en Galicia. Xa desde 1905 a xeografía natal do artista ofreceulle motivos que explorou até o final.

Nesas obras o artista creou unha visión vitalista e colorida daqueles motivos, que abarcan, entre outros, o traballo no campo, as vendedoras de peixe, as procesións mariñeiras e as festas e romarías. Nesa aproximación influíronlle a pintura flamenca e a holandesa, que coñeceu de preto durante as súas viaxes na época de pensionado. Outros motivos que tratou o artista, como os temas de costumes precisamente en Flandes, os asuntos mitolóxicos, as visións de figuras femininas solitarias en diferentes actitudes e a paisaxe estarán presentes na exposición. En todas as obras revélase, no seu gusto pola naturalidade expresiva, a pincelada longa e a execución directa e rápida, a súa aprecio das grandes tradicións pictóricas presentes no Prado, especialmente as da pintura española e a flamenca, unido a unha vontade de estilo propia que lle fixo destacar entre os artistas da súa xeración.

Cultura

Publica o teu comentario agora