ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
Protagonizada polo inspector Caldas, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais e ambiente urbano nas doses precisas que esixe o xénero negro. Unha novela na que lectura e diversión son sinónimos. Antonio Tizón recomenda a súa lectura neste verán. Ollos de auga de Domingo Villar.
Dicíamos nas recomendacións anteriores que Á de mosca, de Aníbal Malvar, que data de 1998, foi a última novela publicada do que se deu en chamar primeira idade de ouro da novela negra galega. Habería que esperar case unha década, ata 2006, para que o xénero recuperara e superara con creces o seu antigo esplendor, coa aparición de Ollos de auga, de Domingo Villar, falecido en 2022, un autor que con só tres novelas publicadas, Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019), acabaría converténdose nun modelo de referencia deste tipo de narrativa, non só galego senón español, europeo e mundial, profeta tamén na súa terra, pois foi quen de vender xa en lingua galega máis de 70.000 exemplares dos tres títulos citados. Dada a súa transcendencia conviña afondar na obra deste señor de Vigo, como lle chamaba un dos seus editores, pero non é este o sitio axeitado para analizar as razóns deste éxito sen precedentes. Baste dicir que entre as características da súa narrativa destacan, ao meu entender, a súa estrutura clásica, onde a policía, o crime, o enigma e a investigación ocupan o primeiro plano, aínda que a sociedade viguesa, as súas rúas, os seus bares, os seus oficios e o mundo da ría están sempre presentes. Non hai política nestas novelas, e se a hai, é a politicamente correcta. Non hai especulación inmobiliaria nin narcotráfico, nin malleiras nin tiroteos, nin sexo nin alcohol, só viño en doses moderadas. Son novelas amábeis, aptas para todos os públicos, fáciles de dixerir e de ler, ben escritas, ben urdidas, nas que predomina a resolución do enigma sobre a crítica social, aínda que esta tamén apareza. Quizais sexan estas, entre outras moitas, as razóns que explican o éxito de Domingo Villar, que truncou a súa morte prematura, para a nosa desgraza, porque ese éxito foi durante moito tempo e seguiría a ser unha auténtica bendición para a literatura de xénero en Galicia.
Imaxe, roteiro de presentación de Lobos Doentes. A Coruña 2023.
Publica o teu comentario agora