Técnicas de trepa

Técnicas de trepa
26 de Xuño, 2022 - 12:11 h. | Publicada por Radio Fene

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias en seguridade nos traballos de arboricultura e técnicas de trepa. O obradoiro darase ao longo de 5 días no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, no concello de Bergondo, entre os días 4 e 8 de xullo en horario de mañá e de tarde.

Curso de técnicas de trepa

Este curso presenta un programa variado cun amplo abanico de contidos. O ideario do curso contempla leccións de corte normativo, técnico e práctico, con leccións en primeiros auxilios, nós empregados en arboricultura, selección de anclaxes e montaxes para rescate, entre outros.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende dar a coñecer aos alumnos este tipo de nocións, e que saiban aplicalas nun contexto laboral. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. Así mesmo, o taller tamén pretende ofrecer unha oportunidade laboral á xuventude do medio rural galego.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfea.guisamo@edu.xunta.gal.

Institucional

Publica o teu comentario agora