Taller de Edicións presentará, na súa nova sede en Pontevedra, un documental biográfico sobre Rosalía

Taller de Edicións presentará, na súa nova sede en Pontevedra, un documental biográfico sobre Rosalía

27 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A editorial galega Taller de Edicións presentará, na súa nova sede de Pontevedra, o vindeiro luns 30 de novembro, un taller de vangarda e un documental sobre Rosalía de Castro. A primeira das actividades permitirá aos asistentes ollar un espazo privado de uso público, que posúe unha área de traballo, un salón de actividades, unha biblioteca especializada e un importante arquivo, todo elo ao alcance do visitante.

Así, os integrantes desta firma cultural dedicarán toda a xornada do luns 30 a atender a visita de quen o desexe e amosar a súa obra e a súa metodoloxía. A cita será no seu novo edificio situado na rúa dos Ferreiros, número 9, da cidade do Lérez. Pero esa xornada non terá esa única actividade, senón que o estudo abrirá as súas portas para os medios que queiran saber mais deste novo espazo cultural, amén de presentar as novidades de Taller de Edicións. Entre elas destaca o documental biográfico Sombras sen sombra: O caso Rosalía de Castro. Esta é unha produción, cuxos dereitos exclusivos de emisión en lingua galega foron adquiridos pola Televisión de Galicia (TVG), na que se ofrecen novos datos sobre as orixes da poetisa galega. Para todos aqueles que queiran ver este documental poderán facelo no Museo de Pontevedra contra as 20.00 horas, nunha emisión en aberto para todos os públicos. Taller de Edicións é unha empresa creada polo historiador José Antonio Durán en 1998 e que está destinada a producir alta cultura interdisciplinar, literaria e audiovisual, así como estudos históricos correspondentes ao período relativo aos séculos XIX e XX.

Cultura