Tapas con premio

Tapas con premio
20 de Xuño, 2024 - 01:45 h. | Publicada por Radio Fene

Coa entrega de agasallos á clientela concluíron os actos do XIV Concurso de Tapas de Fene. O alcalde, Juventino Trigo, presidiu o acto no salón de sesións da Casa do Concello no que se fixo entrega dos agasallos aos gañadores do sorteo efectuado entre todas as persoas que participaron no certame. 

Ademais de saborear as creacións culinarias, a clientela dos establecementos participantes no certame optaba a premios moi apetecibles que entregaron esta mañá o alcalde, Juventino Trigo; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, e outros membros da Corporación. Unha viaxe para dúas persoas, cortesía de Estrella Galicia; unha limpeza da tapicería dun turismo, cortesía de Ecolimpauto; e diversos obsequios patrocinados por Electroagro Fene, Bodegas Barral, Escola Bellón-Maceiras e a Imprenta San Esteban foron os agasallos. 

O Concurso de Tapas de Fene está moi consolidado. En só dúas fins de semana a clientela entregou 3.348 tarxetas. Ademais, 187 persoas conseguiron completar o percorrido, probando as nove tapas a concurso. Cos seus votos, determinaron que o premio á Tapa Popular Tradicional fose para os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay, co “Montadiño ao Tío Pepe” do CCDR de Perlío como subcampioa da categoría. En canto á Tapa Popular Creativa, impúxose o “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama, coa proposta “Ruliña!” da Cafetería Lembranza no segundo posto. Pola súa parte, o xurado profesional coincidiu en outorgar o primeiro premio da categoría Tapa Creativa ao “Tartar de Langostinos” da Cafetería Pachamama, coa “Delicia Cubana “ do Galicuba no segundo posto. En canto á Tapa Tradicional, o xurado escolleu como campioa a proposta “O Sol da Cociña” do establecemento “O Son da Cociña”, que hoxe puido estar presente no acto, e como subcampioa os “Crepes de Peixe e Marisco” da Cafetería Bombay.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora