Tardes de contos e obradoiros de educación sexual

Tardes de contos e obradoiros de educación sexual

23 de Febreiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A Biblioteca Municipal de Ordes acollerá unha nova sesión das “Tardes de Contos e Lendas”. Unha iniciativa que terá lugar o vindeiro venres 25 de febreiro a partir das 18:30 horas nas instalacións da biblioteca, ubicada nos baixos da Alameda ordense. Un contacontos será o encargado de entreter aos nenos e nenas do municipio que participen nesta iniciativa, na que gozarán do conto “Entroido no zoolóxico

Con esta nova sesión, continúase co programa “Tardes de Contos e Lendas” dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, e que unha vez ao mes, achega aos máis pequenos do municipio ao mundo dos contos nas instalacións da biblioteca municipal, contribuíndo así ao fomento da lectura entre os máis pequenos.

A Biblioteca de Ordes, segue a ser un referente en toda a comarca, contando na actualidade con máis de 1.300 socios activos e aumentando o número de usuarios e o abano de idades dos mesmos, e sendo ademais pioneira en canto a horario, instalacións e fondos bibliográficos.  O horario de apertura da biblioteca é de luns a venres de 8:30 a 14:30 e de 15:30 a 20 horas, e os sábados de 10 a 14 horas.

Obradoiros de educación sexual

O Concello de Ordes, deu onte por finalizados os talleres de saúde dirixidos á mocidade do municipio, que realizou en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia. Uns talleres, nos que participaron máis de 100 alumnos do IES Maruxa Mallo e que se celebraron durante todo o mes de febreiro nas instalacións deste centro educativo.

Nesta ocasión tratouse de talleres de educación afectivo sexual cos que se intentou sensibilizar ós mozos e mozas na necesidade de adoptar conductas promotoras de saúde a nivel individual e colectivo, facilitar o análise crítico dos aspectos sociais e culturais relacionados coa saúde e os comportamentos saudables,  aportar información e orientación sobre recursos en saúde e servizos de atención dirixidos á mocidade, e previr e reducir riscos aportando información sobre as medidas de prevención axeitadas.
 
O edil de Sanidade, Jesús Pedreira, foi o encargado de clausurar esta iniciativa no último dos talleres celebrado onte no centro educativo ordense, onde explicou aos mozos e mozas participantes a  importancia de adoptar conductas saudables e responsables.

Cultura