Teatro do Noroeste presenta en Narón as “Historias peregrinas” dos cómicos

Teatro do Noroeste presenta en Narón as “Historias peregrinas” dos cómicos

23 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres e sábado a estrea da nova montaxe de Teatro do Noroeste, Historias peregrinas. Un espectáculo moi diferente ao anterior, Glass city, pero que novamente aposta polo gran formato. Oito actores (Luma Gómez, Xan Casas, Victoria Pérez, Fernando González, Carlos Mosquera Mos, Julia Méndez, Aitor Rei e Alejandro Carro) conforman o elenco desta peza, dirixida por Eduardo

Segundo comentou Luma Gómez en Radiofusión, Historias peregrinas é “unha obra moi divertida e orixinal, que fala dos cómicos”. Os protagonistas exercen, precisamente, esta profesión. Saen de Burgos e diríxense a Compostela para realizar unha actuación nas festas da capital galega e, polo camiño, acontécenlles todo tipo de avatares: aos actores róubanlles roupa e cartos e atópanse cun personaxe que foxe da xustiza e non sabe moi ben quen é... Uns acontecementos que teñen como escenario un bosque, no que os protagonistas da historia rematan perdidos.

Un texto moi actual, segundo Luma Gómez, aínda que a historia non o é tanto. En palabras da actriz, os espectadores sentiranse identificados con moitos momentos de Historias peregrinas, xa que “todos nos sentimos perdidos nalgún momento, ou nos roubaron, ou se aproveitaron da nosa inocencia”. Tamén os cómicos se verán reflectidos na montaxe xa que, segundo Luma, “moitas veces as situacións que se producen no noso oficio fannos sentir inxenuos”.

Historias peregrinas estréase este venres e sábado no Pazo da Cultura de Narón. O 30 pasará polo Teatro Colón de A Coruña, do 27 ao 31 de outubro representarase no Salón Teatro de Santiago, o 26 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e o 2 de decembro no Auditorio Pazo de Congresos de Ourense.

Cultura