Tecnoloxías para un mundo mellor

Tecnoloxías para un mundo mellor
25 de Maio, 2024 - 12:01 h. | Publicada por Radio Fene

As tecnoloxías dixitais poden axudar a un desenvolvemento equilibrado do mundo. Pero hai que salvar unha importante fenda dixital. “Aínda existen 2.600 millóns de persoas que non teñen acceso a unha conexión a internet”, informou en Radio Fene Iago Varela. Mentres nos países avanzados danse pasos como o uso da Intelixencia Artificial na sanidade. 

ESCOITA O PODCAST:

“Calcúlase que as tecnoloxías dixitais poden axudar no 70% dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, destacou Iago. No desenvolvemento sostible estivo centrado este ano o Día da Internet, celebrado o 17 de maio. “Neste 2024 quíxose poñer o foco nesa oportunidade que abre a innovación dixital e na grande fenda dixital”.

Mentres nalgúns países a maioría das persoas carecen de acceso a Internet, no primeiro mundo a intelixencia artificial presenta riscos pero tamén ofrece moitas vantaxes. Por exemplo, o seu uso sanitario. En Galicia, bótase man dela para axilizar probas médicas. No Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, xa se está a usar en probas radiolóxicas de urxencias para que os profesionais non perdan tempo en examinar casos nos que non hai lesión. Para chegar aí, a Intelixencia Artificial aprendeu con adestramento previo. “A fortaleza das intelixencias artificiais é a súa capacidade de aprendizaxe”, sinala Iago. “No caso concreto desta IA previamente foi adestrada mediante a avaliación de milleiros de imaxes de lesións semellantes durante tres meses en 17 centros hospitalarios”. 

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora