A telleira de Chelo Facal

A telleira de Chelo Facal

12 de Abril, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

Unha das obras de Chelo Facal repousa nunha tella cocida por ela mesma. Enlaza así coa tradición de oleiros e telleiras onde se traballaba o barro dende tempos inmemoriais. Os pinceis debuxan mares, algas e peixes, ao mesmo tempo que mulleres, bodegóns ou xarróns, fuxindo en técnicas e estilos das etiquetas. A exposición inaugurouse na tarde do pasado venres nun concurrido acto.

A mostra permanecerá aberta até o día 2 de maio no Colexio Mëdico da Coruña, na rúa Rego de Auga. Poderá visitarse de luns a venres, en horario de 12,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 20,00 horas.

   A exposición está conformada por unhas 60 pezas, entre cadros e esculturas, elaboradas estas últimas en material cerámico. As pinturas -óleos e acrílicos, fundamentalmente-, "son de corte figurativo e fusionan os aspectos máis impulsivos dos seus inicios co maior grao de reflexión e precisión técnica alcanzados nas súas etapas posteriores".

   Chelo Facal formouse na Escola de Arte Pablo Picasso da Coruña, e iniciou a súa actividade artística en 1988. Este primeiro período é o "máis prolífico, tolo e divertido", segundo palabras da propia artista. A partir de 1992 o seu traballo pasa a ser máis estático e técnico, e xa desde 1996 empeza a axuntar ambas as vertentes, o que desemboca na súa obra actual, "máis solta, limpa, áxil e colorida", sinala.

   A súa traxectoria valeulle recoñecementos como o Premio Internacional de Cerámica do Museo Pazo Módena (Italia, 2003), o terceiro premio de pintura Hospital Abente e Lago (A Coruña, 2001) ou o primeiro premio Certame de Buño, Colectivo Pablo Picasso (A Coruña, 2004). Participou na xornada de intervención artística "Mar e ferro" en San Valentín Fene (2014. A Coruña) onde conta cun mural.

Sociedade