Tempestade e calma

Tempestade e calma
19 de Abril, 2021 - 01:52 h. | Publicada por Radio Fene

A directora Nodoka Okisawa debuta esta semana coa Real Filharmonía de Galicia. Será este xoves, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, co programa "Tempestade e calma". O concerto poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG.

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal este xoves, 22 de abril, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia (en lugar da as 20:00 horas, como viñan realizándose nos últimos meses, debido á ampliación do toque de queda). A batuta levaraa a directora Nodoka Okisawa, no que será o seu debut coa orquestra. As entradas xa están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal. Como todos os concertos da presente tempada, poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG. Baixo o título Tempestade e calma, e en liña coa lema desta tempada -Emocións naturais- o programa reúne obras que mostran o poder da natureza.

O concerto comezará con "Temporale" da Cenerentola de Gioachino Rossini (1792-1868). A continuación soará a Sinfonía nº 39 "Tempesta dei Mare" de Franz Joseph Haydn (1732-1809), do que tamén se interpretará a Sinfonía nº 59, coñecida popularmente como "Sinfonía do Lume". Ademais, o público poderá gozar con dúas obras de Felix Mendelssohn (1809-1847): As Hébridas, dedicada ás illas escocesas, e Mar en calma e viaxe próspera, coa que se pechará o concerto.

A directora Nodoka Okisawa Nodoka Okisawa gañou en 2019 o recoñecido Concurso Internacional de Mozos Directores de Orquestra de Besançon, onde foi galardoada co "Gran Premio", así como co premio da orquestra e do público. Xa en 2018 gañara o Concurso Internacional de Música de Tokio para Directores. A principios desta tempada recibiu unha bolsa da Academia Karajan da Filarmónica de Berlín, o que lle permite ser asistente de Kirill Petrenko en concertos e óperas durante dous anos, así como dirixir os seus propios proxectos.

Entre os momentos máis destacados da tempada actual e da próxima inclúense os seus debuts coa Orquestra Sinfónica NHK de Tokio, Sinfónica de Osaka, New Japan Philharmonic Orchestra, Deutsche Radio Philharmonie e a Orquestra de Estremadura. Compromisos recentes levárona a agrupacións como a Orquestra Filarmónica de Tokio e a Orquestra de Brandemburgo. Tanto en 2019 como en 2020 foi seleccionada para a Academia de Ópera Italiana Riccardo Muti de Tokio. Foi axudante de dirección do Ensemble Kanazawa e dirixiu producións de ópera en Xapón e Europa. Nada en 1987 en Aomori, Xapón, aprendeu piano, violoncelo e oboe desde a súa primeira infancia. Estudou dirección na Universidade das Artes de Tokio e en 2019 obtivo o seu segundo máster na Universidade de Música Hanns Eisler de Berlín.

Cultura

Publica o teu comentario agora