Tempos e espazos para as familias: máis que un teito

Tempos e espazos para as familias: máis que un teito

19 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo esta denominación, comezará en novembro unha nova escola de pais e nais no Concello de Fene. O programa, impulsado polo Departamento de Servizos Sociais, conta coa colaboración dos centros de ensino e as Anpas do termo municipal. Nesta ocasión xirará en torno a dous temas fundamentais: “Atreverse a mandar. Normas e límites” e “Os adolescentes. A aventura de facerse maior”.

“Tempos e espazos para as familias” plántéxase como un lugar de encontro onde poder debater e reflexionar sobre o papel educador da familia. Segundo a pedagoga municipal do Concello de Fene, María Xosé Paz, “é un programa universal e participativo no que todos aprenden de todos”.

A necesidades dos límites na actualidade, cómo poñer límites ou as normas na adolescencia, son algúns dos temas que este ano se abordarán na Escola de Pais e Nais. Tamén se falará sobre a comunicación cos adolescentes, o tempo libre e as drogas.

As persoas interesadas en apuntarse ao programa poden facelo, ata o vindeiro 3 de novembro, no departamento de Servizos Sociais do Concello de Fene ou en calquera dos centros escolares do termo municipal. Cada curso terá unha duración de cinco sesións de hora e media, un día á semana. Os primeiros grupos comezarán a traballar no CEIP Centieiras e na Jorge Juan o vindeiro 10 de novembro.

Sociedade