A Terra Chá xa ten a súa ITV

A Terra Chá xa ten a súa ITV

10 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, procedeu hoxe á inauguración oficial da  ITV de Vilalba, tres meses despois do prazo estipulado pola Xunta e pola adxudicataria do servizo, a empresa Supervisión e Control SA.  Este acto era o único requisito que faltaba, xa que a instalación estaba lista para o traballo desde hai varios días. De feito, o primeiro día laborable, o luns, comezará a d

Javier Guerra, ante a súa primeira inauguración como Conselleiro, salientou que a ITV de Vilalba era “un paso adiante nunha maior prestación de servizos”, que “é unha das obrigas que se deben promover desde a administración”. Guerra admitiu a importancia deste centro, xa que “as 50.000 persoas de Vilalba e o seu entorno xa non teñen que ir a Lugo a pasar a revisión ao coche, senón que o poderán facer aquí en Vilalba”.

 

 

Non esqueceu Javier Guerra o seu traxe como responsable de economía e se dirixiu a “todos os emprendedores da comarca” para animalos a “facer cousas diferentes e loitar polas súas empresas”, pois “desde a Xunta sabemos que innovando hai oportunidades e por iso potenciaremos as boas ideas e a creación de empresas”.

 

Pola súa banda, o alcalde da vila, Gerardo Criado, destacou que “é unha boa noticia que se poña en marcha, porque vai a dar servizo a moita xente de toda a Terra Chá e pon a Vilalba no mapa dos servizos autonómicos importantes. Esta ITV significa algo mais que o propio servizo, xa que redundará en maiores beneficios para os talleres, hostalería e a nivel de significarse como unha capital de servizos”.

 

Por último, o presidente de Supervisión e Control, Amador Castro, considerou este 10 de xullo como “un día especial” para a súa compañía e para a propia vila chairega, pola “inauguración dun centro enteiramente tecnificado, onde a innovación e o emprego de maquinaria e traballadores cualificados será parte dunha rede de centros de ITV de Galicia, que é a mais importante do estado”.

 

A ITV, situada no Polígono de Sete Pontes, permitirá cubrir o parque automobilístico da bisbarra, que ten preto de 30.000 vehículos. Segundo os cálculos da Dirección Xeral de Supervisión e Control se examinarán uns 2.500 coches ao ano. Esta ITV contará tamén cunha estación móbil de motocicletas, que poderá visitar ate tres localidades por día e que xa está en funcionamento desde xaneiro. A inversión total nesta planta supuxo unha cifra de 950.000 euros.

 

A inauguración chega tres meses tarde, xa que, os cálculos da anterior Consellería de Industria, dirixida por Fernando Blanco, situaron o comezo da actividade para finais do mes de marzo.

Sociedade