Tirabeque

Tirabeque
30 de Abril, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Vaíña leguminosa de fabas cativas pouco desenvolvidas. En castelán chámanlle guisante de neve ou de azucre polo brandiños e doados de partir que son.

É un dos primeiros legumes verdes da primavera. O pai xesuíta Salvador Merino pasou máis de 37 anos na Guarda recollendo datos de todas as plantas galegas, pero non fala precisamente dos tirabeques. Pode que daquela non se cultivasen moito pero en 1905, cando o pai publica “ Flora descriptiva e ilustrada de Galicia”, Picadillo dedícalles tres receitas aos tirabeques.

O seu tempo de recollida é moi curto, cando as casulas estean bastante crecidas e antes de que medren os grans que levan dentro. Seméntanse escalados no tempo pois tardan uns dous meses e medio en facerse, e así pódense ofrecer case todo o verán. O tempo de bo padal é de días pois axiña botan pau e secan. Son menos coñecidos que os chícharos a pesar de cultivarense en Europa antes que eles.

Podense comer de varios xeitos e resultan indispensables nas minestras.  Son gorentosos un pouco partidos e fritos, envoltos en ovo. Están moi ricos recheos de carne, ou ao xeito dos revoltos, mais o habitual é fervelos cunhas patacas e allada de pemento doce. Vailles ben un ovo cocido e acompañan ben os peixes miudos, como por exemplo unha parrochas fritidas.

Como se fan os tirabeques fritos?

Limpamolos de puntas e fíos. Lavamos e secados, partímolos e fritimolos nun pouco aceite de oliva non moi quente, remexendo coa culler de pau. Escorremos da graxa sobre o papel de cocina e botamos sal gordo por riba, servindo quentes.

Cultura

Publica o teu comentario agora