Toc toc na Casa- Museo Manuel María

Toc toc na Casa- Museo Manuel María

09 de Abril, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Monforte

O auditorio da Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá un concerto do artista coruñés Pablo Díaz, que, xunto a pezas xa coñecidas do seu repertorio, interpretará temas do seu máis recente traballo Xente miúda moita fartura. Será este sábado 11 de abril ás 18 horas. Este concerto enmárcase na iniciativa Seráns Culturais da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo que se desenv

O concerto desenvólvese en horario de tarde para facilitar que sexa unha “festa familiar”, na que especialmente as máis pequenas e os máis pequenos, acompañados das súas familias, sexan os verdadeiros protagonistas. A entrada é gratuíta, porén a Fundación Manuel María de Estudos Galegos recomenda, por razóns de aforo do auditorio, reservar previamente: pódese facer até o mesmo sábado no teléfono 698 177 621 ou a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com.

Pablo Díaz (A Coruña, 1972) representa hoxe unha das voces e rostros de referencia na música en galego dirixida ao público infantil, con traballos tan exitosos e con tan boa acollida de público como Tic Tac (2010) e Toc Toc (2013). Con Xente miúda moita fartura (2014), CD autoeditado, con ilustracións de Nicolás Fernández, Pablo Díaz continúa na súa aposta polo público infantil e familiar, particularmente orfo de produtos culturais e musicais de calidade na nosa lingua. Unha realidade xa coñecida por el desde o prestixioso selo editorial Kalandraka, en cuxos contacontos ten participado facendo o acompañamento musical.

Pablo Díaz, porén, ten unha longa traxectoria no panorama musical galego quer como intérprete quer como investigador. Fai parte de grupos tradicionais e folc como Donaire, Ruote ou Tátara Trío e ten colaborado con artistas como Susana Seivane.

Sociedade