Todo listo para a festa mariñeira de Barallobre

Todo listo para a festa mariñeira de Barallobre
01 de Setembro, 2022 - 07:41 h. | Publicada por Radio Fene

O peirao de Barallobre acollerá este sábado 3 de setembro unha nova edición da Festa Mariñeira, a primeira tralo parón provocado pola situación de pandemia. A programación do evento deuse a coñecer oficialmente na tarde do mércores, nunha xuntanza final de organización á que asistiron representantes municipais e tamén as sete entidades participantes: a SCRD Agarimo de Sillobre, a ACRD O Pote de Maniños, AETNA, a Cultural Maniños SD, a ACDR Liga de Amigos de Barallobre, a AVV San Xurxo de Magalofes e a AVV Santa Eulalia de Limodre. A partir das 12:00h poderán mercarse os tíckets para degustar até 22 especialidades entre as que elixir, con distintos sabores e prezos. Ademais tamén haberá actuacións musicais, xogos infantís, artesanía e un espectacular simulacro de salvamento marítimo cuxa organización correu por conta da Policía Local de Fene, con supervisión do axente Daniel Martínez. A nota negativa da xornada será que este ano a Confraría de Barallobre non participará na festa, despois de negarse a subministrar o marisco colleitado polos seus asociados a menos que a organización lle mercase todo o produto para os menús, incluído o conxelado e o que non se extrae na ría. Unha postura cualificada polas entidades como "chantaxe" que levou á organización a buscar outros provedores locais.

Foto: César Galdo

Do programa da festa deu conta a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Ángeles Coira, quen explicou o contido dunha xornada que comezará sobre as 12:00h e que se prolongará até pasadas as 23:00h. O atractivo principal é a degustación de produtos do mar e, neste sentido, as entidades participantes servirán múltiples opcións. 

 

Así, Agarimo de Sillobre preparará chocos con fabaszamburiñas á plancha e polbo á galega. A Liga de Amigos de Barallobre presentará seis especialidades a base de sardiñas lañadasfabas con ameixastigresempanada de zamburiñas, zamburiñas á galega e croquetas de berberechos. Pola súa banda, a AVV de Limodre ofrecerá como posibilidades espetiños, tortilla de berberechosfideuá de ameixas e un pincho de surimi e lagostinos. San Xurxo de Magalofes centrarase nas navallas á plancha, nas ameixas en salsa de Magalofes e no polbo á plancha. Pecha a oferta gastronómica a proposta da parroquia de Maniños -onde se agrupan O Pote, AETNA e a Cultural Maniños- con ameixas á mariñeira, polbo á feirazamburiña á plancha, arroz con chocosmexillóns ao vapor e tigres.

 

Todo "a prezos realmente populares", tal e como apuntaban desde a Liga de Amigos de Barallobre, onde a súa carta andará entre os 4 e os 12 euros, ou como comentaban as entidades de Maniños, cuxa degustación oscilará "entre os 4 euros da ración de tigres e os 15 euros dunha ración de 400 gramos de polbo".

 

Porén, a Festa Mariñeira que se celebrará no peirao de Barallobre terá máis alicientes. O primeiro deles será a música, coas actuacións da Ukestra do medio ás 13:30h -dentro do programa da AGADIC Cultura no Camiño do Xacobeo 2021-22-, de Trikitrí -gañador do certame Runas do Festival de Ortigueira en 2021- ás 20:00h e, pechando, o clásico Los Zares, que empezarán co seu repertorio ás 22:00h.

 

Ademais, segundo explicou Coira, na cita haberá hinchables para a rapazada e tamén se instalarán sete postos de artesanía locais, como extensión no peirao do Outlet de verán Merca en Fene que se vai desenvolver desde o venres até o mediodía do domingo na zona urbana coa participación de 26 establecementos. A concelleira puxo en valor a complementariedade de ambos eventos: "o Outlet abarca tres días e penso que é un atractivo. A xente que se anime a achegarse ao Outlet pode vir comer á Festa Mariñeira e despois ir facer compras, ou ir de compras o venres e o domingo e achegarse á festa o sábado. Entre música e degustacións, actividades para os nenos, simulacro e outras cousas, agardamos que veña moita xente", dixo Ángeles Coira.

 

Simulacro de rescate e emerxencia marítima

Outro dos grandes atractivos da xornada será o simulacro dunha emerxencia na ría, xusto diante do peirao onde se celebrará a Festa Mariñeira. O exercicio porá en escea a explosión ficticia nun remolcador na que tamén se verán implicadas dúas planadoras de marisqueo, co resultado de dez persoas na auga, unha delas falecida. 

 

Ademais, como resultado do estourido simulado, tamén se tería producido unha vertedura de combustible. Neste sentido, o exercicio mostrará o procedemento de rescate e recuperación -no que tamén participará un helicóptero- xunto co estendido de barreiras que eviten a diseminación da mancha contaminante. 

 

O obxectivo do simulacro é dobre. Por unha banda poñer a proba a coordinación dos medios de resposta ante accidentes similares e, por outra, dar a coñecer os recursos humanos e materiais dispoñibles para facerlles fronte ás emerxencias marítimas.

 

A demostración comezará ás 12:00h e prolongarase até aproximadamente as 13:30h. Unha hora e media "moi intensa" na que se mobilizarán "arredor de 120 persoas de distintos corpos de seguridade e emerxencias", tal e como explicou o principal organizador da actividade, o axente da policía local fenesa Daniel Martínez.  

 

Martínez destaca a importancia deste tipo de exercicios "para estar todos coordinados" e contar coa preparación necesaria para responder ante este tipo de sucesos. "Incluso é importante que as persoas que traballamos no mundo das emerxencias nos coñezamos fisicamente. Desde o primeiro simulacro de 2017 xa temos un contacto fluído con todos estes organismos, o que facilitaría o labor nunha emerxencia real", precisou o axente. 

 

A responsable da área de Seguridade, Sandra Permuy, quixo recoñecer "o traballo e o esforzo" de Martínez durante os meses de preparación dun simulacro que promete ser "espectacular" polo número de persoas e equipamentos implicados: a Policía Local de Fene,  Protección Civil de Fene e Ferrol, o Servizo Marítimo da Garda Civil,  Gardacostas de Galicia,  Salvamento Marítimo -incluído o helicóptero Helimer Galicia-, a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cribrao, a Axencia Galega de Emerxencias, a UME de León, a Capitanía Marítima, a Cruz Vermella da Coruña, o 061 e tamén Navantia-Fene.

 

Segundo comentaron Sandra Permuy e Daniel Martínez, o posto de mando avanzado constituirase ás 11:00h no paseo entre o peirao de Maniños e o de Barallobre, aloxado nun camión da AXEGA.  Durante todo o exercicio haberá unha persoa narrando "en tempo real" todo o que estea ocorrendo na ría e, ademais, tentarase que o público da Festa Mariñeira "poida escoitar tamén as comunicacións por radio".

 

Fotografía: César Galdo

 

Institucional

Publica o teu comentario agora